18-F

O peso emigrante ante o 18-F: case medio millón de residentes no exterior con dereito a voto

As eleccións xerais de xullo foron as primeiras sen voto rogado para o CERA e a participación subiu.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)

Un 17,7% dos 2.693.624 galegos con dereito a voto nas eleccións galegas do 18 de febreiro, case medio millón de persoas (476.514), residen no exterior, mentres que 2.217.110 viven en territorio galego. Constatado o volume ante unha nova cita coas urnas, a segunda sen voto rogado tras os comicios xerais de xullo de 2023, os partidos esperan expectantes comprobar a participación.

O censo de residentes ausentes (CERA) definitivo para o 18-F, que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE), reflicte tamén un incremento das persoas rexistradas en relación ao censo das últimas xerais, cunha alza de máis de 4.000 persoas.

Por circunscricións, a da Coruña é a que rexistra un maior número de electores CERA 164.8421; seguida da de Pontevedra, con 138.182; Ourense, con 103.832; e Lugo, con 69.658.

Top cinco

Por países, segundo o número de potenciais electores que residen no estranxeiro, Arxentina segue á cabeza con moita diferenza, xa que computa 166.289. No segundo e terceiro posto figuran Cuba e Brasil, onde se superan os 45.000. Uruguai computa 37.165 e Suíza, o primeiro país alleo ao continente americano, é quinta con 34.114.

O CERA reflicte así o peso porcentual que teñen os residentes no exterior á hora de decidir sobre o futuro Goberno da Galiza, un feito que avala unha ollada ao histórico de eleccións decorridas na comunidade. Non en balde, cando Manuel Fraga perdeu en 2005 a maioría absoluta fiou á emigración a posibilidade de subir até o escano 38.

Da era Fraga á maioría de Feixoo

O foco estaba na circunscrición de Pontevedra, pero o reconto do voto exterior certificou o fin da era de Fraga á fronte da Xunta. Catro anos máis tarde, en marzo de 2009, o seu sucesor, Alberto Núñez Feixoo, logrou sumar 39 dos 75 escanos da Cámara autonómica na noite electoral. Posteriormente, o voto emigrante rebaixaría a súa maioría absoluta a 38 actas, ao gañar o PSOE un por Ourense en detrimento do PPdeG.

Ao agora líder do PP, en cambio, nas autonómicas de xullo de 2020, as últimas ás que se presentou na Galiza, o apoio dos emigrantes permitiulle a súa maioría absoluta máis ampla ao chegar ás 42 actas no hemiciclo galego –o reconto do sufraxio na diáspora inclinou esta vez a balanza ao seu favor ao arrebatarlle un escano ao PSdeG en Pontevedra, que sumou o PP–.

Sen voto rogado

As eleccións xerais de xullo foron as primeiras sen voto rogado para o CERA e a participación subiu. Agora, fontes do tres partidos con representación no hemiciclo galego (PP, BNG e PSdeG) esperan expectantes para comprobar se haberá unha maior mobilización do voto emigrante tamén o 18-F.

O procedemento regulado –segundo as instrucións ditadas – determina que os electores galegos no estranxeiro poden emitir o seu voto ben por correo até o 13 de febreiro ou depositando o sufraxio nas urnas habilitadas nos consulados entre os días 10 e 15 dese mesmo mes.

O Ministerio de Exteriores explicou que se se está de paso no estranxeiro, o elector deberá darse de alta como non residente, encher o impreso de solicitude de documentación electoral e envialo a través da oficina consular. A continuación, recibirá no domicilio indicado a documentación electoral por correo postal e votará por correo á mesa electoral correspondente na Galiza.

Para os residentes no estranxeiro, se se está no censo definitivo – o prazo de reclamacións xa concluíu–, a recepción da documentación no domicilio é automática e, ratificadas as candidaturas, poderase descargar a papeleta para o voto correspondente.

Contacto coa diápora

A relevancia do voto emigrante vese no histórico de eleccións e todos os partidos son conscientes disto.

Todos manteñen contacto coa diáspora pero é de destacar a rede institucional de relación coa cidadanía, sobre todo nos países con maior presenza emigrante, dos partidos gobernantes na Galiza e no Estado.

Unha rede que acostuma suscitar algunhas suspicacias, sobre todo en países americanos, ao percibirse moitas veces unha presenza institucional amparada máis en tecer unha relación "clientelar" ligada ás necesidades asistenciais que para velar polos dereitos da colectividade galega.

Comentarios