O Senado, a un paso de suprimir o 'voto rogado': así serán as eleccións desde o estranxeiro

O Congreso deu luz verde á proposta de reforma da lexislación antes do verán.
Eleccións Xerais do Estado de 2019. (Foto: Europa Press)
photo_camera Eleccións Xerais do Estado de 2019. (Foto: Europa Press)

O pleno do Senado debaterá e someterá a votación esta semana a reforma da Lei do Réxime Electoral Central que busca suprimir o 'voto rogado' que desde hai máis de dez anos é exixido ás persoas electoras residentes no estranxeiro, unha norma que previsibelmente quedará aprobada definitivamente. No seu lugar, o texto incorporará unha serie de medidas destinadas a facilitar a participación dos votantes do exterior.

En 2011, tras a acumulación de denuncias de irregularidades co voto das persoas emigradas, especialmente nos comicios galegos, os principais partidos pactaron un sistema que obriga as rexistradas no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) a pediren o voto con antelación para poder exercer o sufraxio.

Ese sistema do voto rogado, acordado daquela por PP, PSOE, PNV e CiU, acabou coas sospeitas de fraude, mais tamén provocou a caída en picado da participación electoral desde o estranxeiro. Co paso dos anos, mesmo os impulsores daquela reforma fóronse arrepentindo e avogaron por dar marcha atrás.

Máis dunha década despois, o Congreso aprobou antes do verán por ampla maioría unha reforma que acaba con ese requisito e no seu lugar introduce modificacións para facilitar que os electores do exterior poidan votar en urna nas embaixadas e consulados, alén de por correo, e para asegurar que as súas papeletas cheguen a tempo para o seu escrutinio.

Esta era unha das demandas históricas do BNG, cuxo deputado na Cámara baixa, Néstor Rego, optou finalmente pola abstención na votación após rexeitar o pleno as emendas presentadas por esta e outras formacións como ERC. Entre outras medidas, o Bloque propuña que se habilitasen máis lugares para votar no estranxeiro, igualar as residentes temporais ao CERA, facilitar o sufraxio dos mariñeiros ou asegurar a identificación de quen emite un voto.

A reforma vén dunha proposición de lei presentada en febreiro de 2021 polos dous grupos que sustentan o Goberno estatal, PSOE e Unidas Podemos, e que estivo conxelada por sucesivas prórrogas até o pasado mes de abril.

No Congreso, o seu articulado foi modificado mediante emendas pactadas co PP e outros grupos da oposición. O novo procedemento para os rexistrados no CERA permitirá que eses electores poidan descargar as papeletas da internet e adiantará o envío tradicional da documentación electoral, co que poderán elixir entre ambas as dúas opcións.

Comentarios