7 de cada 10 votantes CERA o 18-F nunca viviron na Galiza

Un total de 2.693.624 galegos e galegas poderán votar nas eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro. Deles, 476.514 fan parte do censo de residentes-ausentes que viven no estranxeiro (CERA). Son máis de 17% do censo total de votantes
Reconto do voto CERA esta sexta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reconto do voto CERA nas eleccións estatis (Foto: Nós Diario).

Dos 2.693.624 de galegos e galegas que poderán votar o 18-F, segundo os datos que publicou onte o Instituto Nacional de Estatística (INE), 2.217.110 residen na Galiza e 476.514 no estranxeiro. Ademais, 79.072 persoas poderán participar por primeira vez nunhas eleccións ao Parlamento da Galiza, por facer 18 anos desde a anterior votación nuns comicios galegos, que decorreu en 12 de xullo de 2020.

Por circunscricións, na Coruña serán 1.088.386 as persoas con dereito a voto, sendo a máis ampla, seguida da de Pontevedra, con 911.704 sufraxistas. En Lugo poderán emitir o seu voto 337.734 persoas e en Ourense, 355.800.

En canto ao voto de residentes no estranxeiro, o INE explica que non é necesario solicitude previa, polo que a Oficina do Censo Electoral (OCE) enviará a todos eles a documentación necesaria para o voto en dous envíos independentes. Estes papeis tamén se poderán obter directamente nos centros de votación que estableza o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do 10 ao 15 de febreiro. 

As persoas inscritas no Censo electoral de españois residentes-ausentes que viven no estranxeiro (CERA) representan 17,5% do corpo electoral galego, alcanzando en circunscricións como Ourense case 29%. Só ao redor de 30% do total das cidadás e cidadáns inscritos no CERA naceron na Galiza. 

As persoas inscritas no CERA  con dereito ao voto na Galiza representan 17,6% do conxunto do corpo electoral galego. Asemade, esta porcentaxe non deixou de medrar nos últimos 30 anos, pasando de representar 4,6% en 1993, chegando en 2008 a 12,4% e incrementándose uaté 2023. A maiores, o seu peso no país é moi superior ao do resto dos territorios do Estado, colocándose por detrás Asturias, con 12,7%, e Castela e León, con 8,1%, sendo, por conseguinte, onde máis influencia teñen no resultado electoral final os sufraxios dos denominados residentes ausentes.

Arxentina e Cuba

Por países, Arxentina é o que maior número de electores galegos contabiliza, con máis de 166.000 persoas, mentres que Cuba e Brasil superan os 45.000. En Uruguai case chegan aos 37.000, mentres que en Suíza son 33.700, en Venezuela 26.000 e en Estados Unidos máis de 22.000.

O censo electoral de residentes no Estado español poderase consultar do 1 ao 8 de xaneiro nos concellos e nas delegacións provinciais da OCE. Os residentes no estranxeiro poderán comprobar os seus datos nesas mesmas datas nas oficinas consulares. Tamén está dispoñíbel na sede electrónica do INE.

Sen propaganda

Así mesmo, está dispoñíbel a opción de solicitar que non se lles envíe propaganda electoral por parte dos partidos políticos. Esta petición ten que realizarse antes do 8 de xaneiro. As tarxetas censuais nas que se informa da mesa e o local electoral enviaranse a partir do 29 de xaneiro.

Comentarios