CERA e a fin da voto rogado: garante un sufraxio 'xusto'?

O Censo de residentes ausentes (CERA) volverá ter un peso importante nunhas eleccións, esta vez o 23-X e sen que sexa baixo o voto rogado, derrogado en 2022 despois de apenas unha década de vixencia.
Embaixada do Estado español na Habana, Cuba, segundo país con máis votante CERA tras Arxentina (Foto: Emmanuel Huybrechts).
photo_camera Embaixada do Estado español na Habana, Cuba, segundo país con máis votante CERA tras Arxentina (Foto: Emmanuel Huybrechts).

A transcendencia do “voto residente ausente”

Manuel Anxo Fernández. Politólogo e ensaísta

O 19 de outubro de 1997 celébranse eleccións ao Parlamento de Galiza. Na xornada electoral o PP acada 41 escanos, o BNG 19, e a coalición PSdeG/EG/OV 15, un reparto que días despois no escrutinio xeral muda coa suma dun novo deputado para o PP que perde o BNG na circunscrición da Coruña. Nese reconto final inclúese o 24,5% do electorado dun censo de residentes ausentes (CERA) que representa o 9,1% do censo galego. O PP incrementa o seu peso electoral en 0,8 puntos, a coalición do PSdeG queda practicamente igual, e o BNG perde 0,8 puntos a respecto do apoio obtido entre os residentes (CER). A razón destes cambios reside en que o PP obtén no CERA case 20 puntos máis ca no voto CER, PSdeG/EG/OV acada 1,8 puntos máis, e BNG sitúase con 22,3 puntos menos.

O 1 de marzo de 2009 teñen lugar as oitavas eleccións ao Parlamento galego. A xornada electoral conclúe co seguinte reparto: PP 39 actas, PSdeG 24, e BNG 12, e nos días seguintes realízase o escrutinio xeral incorporando o 22,9% dun CERA que representa o 12,7% do censo. Finalmente, o PSdeG gaña un deputado á custa do PP en Ourense. No voto CERA o PSdeG supera en 24 puntos o resultado obtido entre os residentes en porcentaxe de voto válido, o PP queda 9,3 puntos por baixo, e o BNG acada 12,7 puntos menos. Isto supón que nos resultados definitivos o Bloque acaba perdendo 0,6 puntos en porcentaxe de voto, o PP deixa 0,4 e o PSdeG gaña 1,1 puntos. 

Estas diferenzas manifestas no comportamento electoral deberían ser motivo de análise, porque algunha razón terá que o electorado residente (máis do 87% do censo nos procesos sinalados) vote dunha maneira, e que o electorado residente ausente o faga doutra diferente. Son dous exemplos que poñen de manifesto a importancia do voto CERA en tanto que modifica os resultados, mais tamén pode afectar ao reparto de escanos da xornada electoral, e incluso decidir a maioría nos parlamentos. E dito isto, e como apuntamento a ter en conta, destacar que no primeiro exemplo a presidencia do goberno do Estado e da Xunta recaían no PP, e no segundo no PSOE.

No ano 2011 as Cortes Xerais concretan a proposta da Comisión Constitucional de modificación da Lei Orgánica do Réxime Electoral (LOREG) e limitan o voto nas eleccións municipais aos residentes en cada concello, e para os residentes ausentes introducen o voto en urna nos consulados e o voto rogado. A razón fundamental que motiva os cambios é a dimensión que adquire o CERA (nas xerais de 2008 a participación electoral no CERA viña de ser do 34,1% en Galiza e no Estado do 31,9%) e nomeadamente dar as máximas garantías ao sistema.

Desde a aplicación da Lei Orgánica 2/2011 a participación electoral CERA redúcese en Galiza até o 3,6% nas xerais de novembro de 2019, e até o 1,2% nas galegas de 2020; malia que, e isto é importante, o resultado nestes dous procesos en porcentaxes de voto aproxímase ás cifras do escrutinio dos residentes. A redución da participación e as denuncias dos electores pola dificultade para cumprir os prazos establecidos, reabren un debate sobre o voto rogado no CERA que remata en 2022 coa eliminación dese requisito vía Lei Orgánica 12/2022. E con esta reforma volven os temores, nomeadamente en Galiza, porque o argumento que motiva a reforma de 2011 segue vixente, e porque hoxe o censo de residentes ausentes representa o 17,6% do censo galego, cinco puntos máis ca nas eleccións xerais de 2008. Un incremento do CERA que é debido fundamentalmente á ampliación da nacionalidade, e iso queda de manifesto nas cifras que non deixan de crecer en países coma Cuba ou Arxentina. E haberá quen diga que non se pode limitar, nin deixar en suspenso temporalmente, o dereito ao sufraxio activo dun nacional, mais tamén haberá quen poida dicir que vincular dereito de voto a algún requisito para garantir a conexión do elector coa vida política do “seu” país é moi razoábel, e nomeadamente para persoas que xa teñen recoñecidos e exercen os seus dereitos políticos no país no que residen, e que ademais poden decidir a “sorte” do país do que emigraron os seus avós.

En definitiva, o que está claro é que cando se fala de voto CERA non se trata de limitar dereitos, senón de reforzar as garantías para os residentes ausentes, mais tamén para os residentes.


A fin do voto rogado: unha saída necesaria

Luís Crespo. Xurista

A importancia do voto exterior no noso sistema electoral está relacionada coa tradición de España como país de emigrantes ao longo da nosa historia, sobre todo, en períodos convulsos como consecuencia de crises políticas ou económicas. Un dos períodos de maior emigración en tempos recentes tivo lugar durante os anos cincuenta e sesenta do século pasado, en plena ditadura franquista, o que resultou determinante para o recoñecemento do dereito ao sufraxio de españois residentes no estranxeiro na Constitución de 1978. Atendendo á realidade migratoria, e do mesmo modo que en textos constitucionais doutros países, incorporouse no artigo 68.5 o mandato para recoñecer e facilitar o dereito de sufraxio aos residentes no exterior.

A problemática á hora de concretar o mandato constitucional respecto ao voto de residentes españois no estranxeiro reside nas numerosas dificultades técnicas para articular un sistema de votación efectivamente garantista por centos ou miles de quilómetros de distancia, o que se converte a miúdo nunha tarefa hercúlea. [...] Os residentes no estranxeiro con nacionalidade española integran o censo de españois residentes ausentes (CERA), cuxa inscrición debe ser realizada a instancia de parte ante o consulado español correspondente, unha dificultade que aínda permanece porque a actualización do CERA depende, en gran medida, da vontade dos residentes no estranxeiro para proceder á súa inscrición no mesmo. Con todo, a pesar das dificultades para asegurar un rexistro certo e actualizado, a cifra de persoas rexistradas é significativa: 2.182.862 españois rexistrados no CERA.

Os mencionados problemas derivados da práctica nas votacións no exterior sobre a regularidade do censo poñíanse de manifesto periodicamente no debate público, especialmente en territorios de poboación emigrante onde o voto dos do exterior podía ter unha incidencia real sobre os resultados como ocorría, por exemplo, en Galicia. O principal problema, ademais da regularidade do censo, localizábase na dificultade para garantir que a identidade da persoa que depositaba o voto era fidedigna, sen que un terceiro o fixese en nome doutro ou, o que é máis grave, en nome dun falecido. 

Incorporouse entón o chamado voto rogado para as eleccións xerais e foi causa de multitude de críticas por restrinxir o voto dos españois no estranxeiro, incluíndo a organización dos propios afectados ao redor de colectivos como, por exemplo, Marea Granate, desde a que se organizaron accións reivindicativas dirixidas á derrogación do voto rogado. Tras a reforma do ano 2011, os españois residentes no estranxeiro rexistrados no CERA con vontade de participar en eleccións xerais e en eleccións autonómicas atópanse cunha verdadeira “carreira de obstáculos” para exercer o seu dereito ao voto.

As dificultades mencionadas do actual sistema puxéronse de manifesto nos diferentes procesos electorais desde 2011, nos que apenas participou efectivamente o 6,8% dos rexistrados no CERA, a pesar de que aproximadamente o 10% solicitaron o voto. Estas cifras de participación son inferiores ás rexistradas en comicios anteriores ao ano 2011 como, por exemplo, as eleccións xerais de 2008, nas que participaron o 31,88% dos rexistrados no CERA. Por tanto, sen lugar a demasiadas dúbidas, o voto rogado foi unha medida desproporcionada e un claro impedimento á participación dos españois no estranxeiro que debía ser corrixida.Blog del CEPC

Comentarios