A Galiza afronta as eleccións do 23-X sen voto rogado e cun 69% dos votantes do CERA que nunca viviron aquí

472.000 persoas integran os votantes CERA na Galiza, máis que todos os da circunscrición de Lugo.

Embaixada do Estado español na Habana, Cuba, segundo país con máis votante CERA tras Arxentina (Foto: Emmanuel Huybrechts).
photo_camera Embaixada do Estado español na Habana, Cuba, segundo país con máis votante CERA tras Arxentina (Foto: Emmanuel Huybrechts).

A fin do voto rogado para o Censo de Residentes Ausentes (CERA) nas próximas eleccións estatais do 23 de xullo afecta os máis de 472.000 cidadáns galegos con dereito a sufraxio nestes comicios. O peso da emigración galega ascende a 17% do censo dos 2.688.623 chamados a votar na Galiza.

Ademais, dado que a lexislación restrinxe o voto CERA nas municipais, a CERA provoca un incremento nos galegos chamados ás urnas o próximo 23 de xullo, cun total de 462.661 máis que na cita de maio, practicamente as cifras de que se corresponden cos residentes ausentes. Dese censo no exterior, Arxentina mantense como o país con maior peso dos emigrantes xa que nese país hai 165.933 persoas con dereito a emitir o seu voto nas xerais.

Ademais, séguenlle en América os seguintes países: Cuba (44.831), Brasil (44.665), Uruguai (36.667), Venezuela (26.734), Estados Unidos (21.665), México (12.696), Chile (3.892), Panamá (3.321) e Canadá (2.201).

Pola súa parte, Suíza encabeza o peso da emigración en Europa, con 33.921 chamados a votar, seguida de Francia (17.371), Alemaña (15.267), Reino Unido (13.508), Portugal (4.008), Países Baixos (2.861), Bélxica (2.556), Andorra (2.706), Italia (1.390) e Irlanda (793).

Nas últimas eleccións estatais de novembro de 2019, co sistema de voto rogado aínda vixente, do total de 461.344 persoas con dereito a voto só exerceron o seu dereito 16.769, un 3,63% de participación.

Precisamente na participación nestes comicios pon o foco os partidos políticos.  "O futuro diranos a que nivel despegamos", salientou Rodríguez Miranda (PP), mentres que o candidato do PSOE ao Senado por Lugo, César Mogo, augura un "incremento notábel" da participación, a cal espera que sexa "a cabeza de ponte" para ir "recuperando niveis en próximos comicios".

Nesta conxuntura, a responsábel da área de Organización na Executiva do BNG, Lucía López Sobrado, fixouse no peso do voto CERA para sinalar o "drama" da emigración en Galicia, xa que supera á media do Estado e supón 17,6% do censo galego, chegando a 30% en Ourense e  21% en Lugo. Así, considera un "risco serio" de alterar a vontade popular, posto que o sistema "volve non ser garantista" e lembrou que "aquí votaron até os mortos". Neste sentido, o BNG expresa que é partidario de que se facilite o voto de maneira áxil e rápida, porque en moitos casos trátase de percorrer "quilómetros e quilómetros", mais entende que "hai que garantir a identidade e non está a ser así, posto que queda a expensas da normativa de cada país".

As subdelegacións do Goberno na Galiza dispuxeron 34 millóns de papeletas para que poidan votar os galegos inscritos no Censo de Residentes Ausentes (CERA), que corresponden ao xogo completo de todos os partidos para o Congreso e o Senado.

Hai 144 países nos que están rexistrados galegos e galegas, dos cales en 89 hai 50 ou menos votantes e, deles, en 19 só hai unha persona censada e en 14 países, dúas persoas censadas.

Comentarios