Pedro Sánchez protagonizará hoxe a Festa Socialista da Galiza

O presidente do Goberno estatal viaxa a Oroso, onde estará rodeado de 2.500 militantes

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no feche de campaña do PSOE, a sexta feira en Xetafe, Madrid. (Fotos: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no feche de campaña do PSOE, a sexta feira en Xetafe, Madrid. (Fotos: Ricardo Rubio / Europa Press)

Máis de 2.500 militantes e simpatizantes socialistas están inscritos para arroupar hoxe, día 17 de setembro, o presidente do Goberno do Estado en funcións e líder do PSOE, Pedro Sánchez, na XII Festa Socialista de Galicia.

Así o destacou o PSdeG, que explica tamén que os socialistas galegos reeditan en Sigüeiro, no municipio de Oroso, a súa particular celebración que convoca á militancia de toda a Galiza para "celebrar a existencia dun partido con máis de 144 anos de historia", como apuntou o seu secretario de organización, José Manuel Laxe Tuñas.

O número dous do PSdeG destacou que o PSOE "sigue sendo a principal ferramenta" que teñen os cidadáns progresistas para cambiar a sociedade.

Así, os socialistas puxeron en valor que, “nun contexto político complexo, marcado pola apertura da nova lexislatura nas Cortes Xerais e a sesión de investidura de Feijóo que todo indica que está abocada ao fracaso por falta de apoios”, o PSdeG reúne á súa militancia “para coller forzas e dar o seu apoio a Pedro Sánchez".

Así mesmo, indicou que os socialistas galegos afrontan o novo curso político "cun dobre obxectivo", sendo o primeiro o de "ser parte importante das políticas progresistas" que queren seguir facendo en España apoiando a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno. E o segundo, "o reto inmediato de liderar a alternativa" ao PP na Xunta.

Deste modo, aspiran a "pór fin a 14 anos de políticas caducas na dereita", que para o socialista "supoñen sempre recortes nos servizos públicos, na educación, na sanidade e nas políticas sociais", ademais dunha "ausencia total de proxecto para este país, para a Galiza".

Os socialistas reeditarán así por décimo segunda vez a súa festa do partido, que se instituíu no ano 2001 en Culleredo. A partir de aí, tivo diferentes localizacións, como Caldas de Reis, Vilagarcía e a propia Sigüeiro, onde se desenvolve na a actualidade logo de ser rescatada o pasado 2022 tras máis dun lustro sen celebrarse.

Comentarios