O BNG rexeita negociar con Feixoo a "crónica dunha investidura fracasada"

"Non se dan as condicións" para sentar a falar co candidato do PP á Presidencia do Goberno español, afirma Rego, que tamén lembra que o 'si' a Pedro Sánchez pasa pola "axenda galega" que defende o Bloque.
O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, comunicou en rolda de prensa esta terza feira decisión da Executiva Nacional da súa formación política de rexeitar reunirse co Partido Popular para abordar a investidura do candidato popular, Alberto Núñez Feixoo. "Non se dan", dixo, as circunstancias nin condicións para esas negociacións.

Así, na súa comparecencia ante os medios, manifestou que o Bloque considera que esta reunión só ten "un interese partidista, lexítimo" pero que os nacionalistas galegos non comparten e que se basea, interpreta, en porfiar na "escenificación" de que "gañou as eleccións" a pesar de que "non conta cos apoios suficientes" para gobernar.

Aliás, rexeitou os argumentos de "apelar" a contar cun presidente galego, debido a que, argumentou Rego, xa o houbo con Mariano Raxoi e ten entre "os seu méritos" reducir á metade o orzamento da Galiza, en referencia ao último aprobado por Cristóbal Montoro como ministro de Facenda. Tamén se referiu, como cuestión de actualidade, ao feito de que Feixoo se posicione en contra da cooficialidade das linguas no Congreso.

Rego precisou que, con todo, seguirán os contactos para, confirmada o que augura como "crónica dunha investidura fracasada", negociar a conformación dun Goberno presidido por Pedro Sánchez. O Bloque xa avanzou as súas condicións para votar 'si' a unha nova coalición PSOE-Sumar, que pasan polo cumprimento da denominada "axenda galega".

O deputado nacionalista confiou en que o proceso de investidura vaia adiante e, neste senso, asegurou que "a garantía de que un futuro Goberno español asuma eses compromisos coa Galiza é o voto e a presenza do BNG". "Ese é o noso compromiso coa sociedade galega, e a iso si estamos dispostos", apuntou.

Néstor Rego, a preguntas dos xornalistas, dixo que os contactos son "fundamentalmente co PSOE", mais precisou que non farán pública "ningunha conversa" até que remate o proceso de investidura de Feixoo. "É o máis lóxico e o correcto, unha vez pase, poderemos falar do diálogo con outras forzas", defendeu, en referencia especialmente ao PSOE, partido que "calcula" será o que presente o candidato.

O "legado" de Feixoo

Durante a rolda de prensa, Rego salientou que o BNG xa "coñece o legado de Feixoo na Galiza, o cal cualificou de "profundamente negativo" para o país, sumado aos "recortes durísimos" que afectaron as clases populares por parte de Raxoi. "Non parece unha que sexa unha boa carta de presentación apelar a isto [a ser galego]", dixo, aludindo ao legado de Feixoo e os seus 13 anos de goberno na Xunta. Ambas as declaracións poidan consultarse na páxina web da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no apartado relativo ás resolucións.

"Perdemos máis de 45.000 postos de traballo na industria, 300.000 mozos emigrados, cero residencias da terceira idade para que fagan negocio os seus amigos, recortes e privatizacións na sanidade, cero transferencias...", enumerou, ao tempo que ironizou co "legado" de Feixoo. O deputado nacionalista confirmou o voto "en contra" a Feixoo na investidura, por iso é polo que o Bloque considera que "non ten sentido reunirse para participar nunha escenificación que non comparte".

Néstor Rego avisou de que o propio Feixoo "asumiu que fracasará" e por tanto, un encontro "non pasa dunha simple escenificación de uso partidario e consumo interno" do PP, co que os nacionalistas galegos "non van colaborar".

Comentarios