Unha nova 'foto de Colón'? O PP convoca un "grande acto" en Madrid contra a amnistía días antes da investidura

Alberto Núñez Feixoo e Dolors Montserrat, naquela manifestación na praza madrileña de Colón "por unha España unida". (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Dolors Montserrat, naquela manifestación na praza madrileña de Colón "por unha España unida". (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A secretaria xeral do Partido Popular, Cuca Gamarra, anunciou esta cuarta feira a convocatoria dun "grande acto" para a fin de semana do 23 e 24 de setembro en Madrid no que a formación liderada por Alberto Núñez Feixoo, que dous días despois se someterá ao escrutinio do Congreso na súa sesión de investidura, chama a manifestarse contra unha hipotética Lei de amnistía aos condenados polo procés catalán. Unha marcha que podería provocar unha reedición, mais con novas personaxes, da 'foto de Colón' de 2019, cando dirixentes de PP, Vox e Ciudadanos compartiron micrófono para protestar contra o Goberno de Pedro Sánchez, se ben a extrema dereita non confirmou aínda a súa presenza.

Gamarra, en declaracións a Antena 3, non ofreceu demasiados datos do evento, se ben precisou que, se o tempo o permite, será ao ar libre. O anuncio chega só un día despois de que o ex presidente español José María Aznar instase a "plantar cara con toda a determinación" e convocar un novo movemento "Basta xa!" contra Sánchez. "España acumula enerxía cívica, institucionalidade e masa crítica nacional para impedir que este proxecto de disolución nacional se consume", dixo Aznar esta terza feira.

A secretaria xeral da formación conservadora non aclarou tampouco se Feixoo e a cúpula do PP asistirán á manifestación convocada por Societat Civil Catalana (SCC) para o 8 de outubro en Barcelona, á que si confirmaron asistencia os altos cargos de Vox e a presidenta 'popular' da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. "Demostraremos ao separatismo que Catalunya non lles pertence, que hai unha oposición aos seus delirios separatistas e que existe unha vontade de facer realidade a Catalunya pos separatismo. Os delincuentes nos cárceres e os traidores, afastados do Goberno de España", expresou o dirixente ultra Ignacio Garriga, nunha mensaxe difundida —en castelán— a través da rede social X.

Santiago Abascal, Pablo Casado, Albert Rivera e outros dirixentes de Vox, PP e Cs compartiron espazo en 2019 para protestar contra o Goberno do PSOE. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
Santiago Abascal, Pablo Casado, Albert Rivera e outros dirixentes de Vox, PP e Cs compartiron espazo en 2019 para protestar contra o Goberno do PSOE. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Si dixo que o PP "estará con todos aqueles cidadáns que libremente e democraticamente queiran manifestarse e queiran dicir que no seu nome 'non', que non queren que haxa nin unha amnistía nin un referendo de autodeterminación, e aínda menos que o haxa para politicamente comprar votos e con iso manterse no poder". E seguindo a liña marcada por Aznar, avanzou que non se limitarán ás "ferramentas políticas" para oporse a unha futuríbel amnistía, senón que botarán man de "instrumentos de mobilización social". Porque a sociedade, xustificou, "así o pide".

E precisamente sobre as críticas da portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, ao comportamento "golpista" de José María Aznar, Gamarra acusou Moncloa de "terxiversar" as palabras do ex presidente. "O que está a buscar o Goberno non só é unha hiperactuación, senón tamén xerar cortinas de fume para non asumir as súas responsabilidades", defendeu, ao tempo que reduciu as devanditas declaracións a un "chamamento a mobilizarse contra o que propoñen algúns fóra do marco constitucional".

Preguntada tamén polo rexeitamento a proseguir as negociacións con Junts de cara á investidura, alegou que "as condicións que eles expoñen para calquera tipo de conversa son o suficientemente graves como para que o Partido Popular non teña nada que falar con eles".

Comentarios