A automoción opta a 1.300 millóns da Unión Europea

O CTAG o Ceaga e o grupo PSA pretenden mobilizar 1.300 millóns de investimentos con cargo a fondos europeos e xerar 900 postos de traballo na automoción galega.
Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).
photo_camera Planta do Grupo PSA en Vigo. (Foto: Arquivo)

Vigo acolleu onte a constitución do grupo de traballo sectorial da automoción para captar fondos de reconstrución da Unión Europea, os denominados Next Generation, co obxectivo de mobilizar, a través do proxecto AutoAncora,  1.300 millóns de euros e crear 900 postos de traballo.

O centro tecnolóxico do sector (CTAG), o clúster de empresas da automoción da Galiza (Ceaga) e o grupo PSA son os integrantes deste grupo de traballo.Os impulsores do proxecto non cifraron exactamente o investimento ao que optan, posto que fai falta aclarar os detalles, dixeron. En canto ao proxecto, apuntaron que é unha modernización "necesaria" que levarán a cabo ─aínda que non fose seleccionada─ e cuxo desenvolvemento dependerá da "intensidade" dos fondos europeos.

"Debemos responder con máis tecnoloxía. Desde CTAG seguimos os desafíos da mobilidade e temos que aproveitar a oportunidade dos fondos europeos para liderar a situación do sector", apuntou o director do centro tecnolóxico, Luís Moreno

O obxectivo é "completar" a aposta estratéxica ao redor da xeración do hidróxeno verde cun laboratorio xestionado por CTAG especializado na aplicación do hidróxeno verde ao transporte, xunto con outras solucións limpas ou ecolóxicas.

Pola súa banda, o director de PSA, Ignacio Bueno, sinalou que o seu grupo participou de "forma activa" no desenvolvemento deste proxecto e afirmou que iniciativas como esta "permitirán ancorar os centros de desenvolvemento" e "manter no territorio galego as empresas que están" para "o soporte social e económico da zona".

Por último, o presidente de Ceaga, Juan Antonio Lloves, referiuse ás cifras do sector para indicar que son "resultado do pasado", polo que agora é necesario un impulso para que o sector se sosteña no futuro.

As actuacións contempladas no proxecto van encamiñadas a aumentar a competitividade das empresas e a promover a súa transformación dixital e ecolóxica; optimizar os fluxos loxísticos; capacitación dos profesionais do sector en habilidades dixitais e tecnolóxicas; desenvolvemento de iniciativas de alto impacto I+D+i relacionadas co vehículo do futuro; o mencionado laboratorio e unha infraestrutura singular para o desenvolvemento e validación de vehículos de nova xeración.

Comentarios