28-M

O Parlamento galego é o único do Estado español sen presenza de Vox

Despois da xornada electoral, o da Galiza mantense como o único Parlamento sen deputados do partido de Santiago Abascal.
Sesión plenaria do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento).
photo_camera Sesión plenaria do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento).

A extrema dereita no Estado español conta após a xornada electoral do domingo con máis forza que nunca. Tanto é así que o PP arrebatará ao PSOE até catro Gobernos autonómicos sumando coa ultradereita que representa Vox.

Os socialistas vencen en Castela-A Mancha, Asturias, Canarias e Estremadura. Porén, so están en disposición de gobernar os dous primeiros, e desde o núcleo duro do partido admiten a súa derrota.

Así, Vox logrou representación, por primeira vez, nos parlamentos de Castela-A Mancha, Canarias, Estremadura, A Rioxa e Navarra. Así mesmo, logrou manterse en Aragón, Asturias, Cantabria, Balears, Madrid e Murcia.

A extrema dereita conta ademais con representación nos parlamentos de Euskadi, Catalunya, Andalucía e o País Valencià, e tamén ten membros nas institucións de Ceuta e Melilla.

Goberno de Castela e León

No caso de Castela e León, non só teñen representación senón que xa ocupan a vicepresidencia do Goberno castelán-leonés.

Isto significa que Vox xa está presente con representación en todos os parlamentos autonómicos do Estado español, excepto no galego.

Con todo, isto non significa que a extrema dereita españolista ficase sen representación institucional no país xa que, despois do escrutinio, Vox contará cunha edil na Galiza, concretamente en Avión.

Comentarios