Estado español

O PP arrebatará ao PSOE catro gobernos autonómicos sumando coa ultradereita de Vox

Balears, País Valencià, Aragón e Cantabria caen en mans conservadoras.
Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal, celebrando os resultados deste 28-M. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal, celebrando os resultados deste 28-M. (Fotos: Europa Press)

Desastroso resultado para o PSOE nas eleccións autonómicas convocadas este 28 de maio en 11 territorios do Estado español. A piques de alcanzar o 100% escrutado en todos eles, os socialistas vencen en Castela-A Mancha, Asturias, Canarias e Estremadura. Porén, so están en disposición de gobernar os dous primeiros, e desde o núcleo duro do partido admiten a súa derrota.

No momento de escribir estas liñas todo apunta que Emiliano García-Page reeditará a súa maioría absoluta en Castela, obtendo 17 dos 33 escanos en xogo. O PP sería segunda forza, con 12, e o ultraespañolismo de Vox terceira, con 4. Con todo, o PSOE perdería dúas actas comparando co resultado de 2019.

Os resultados dos socialistas asturianos, se ben ceden un escano, convidan tamén ao optimismo. Volven vencer neste territorio con 19 de 45 deputados e poderán sumar con Izquierda Xunida (3) e Podemos (2). O PP sobe até os 17 escanos, Vox até 4 e FORO cae e só logra reter un.

E en Canarias o PSOE perde tres actas, e as 19 que obtén, co 78% escrutado, non lle permitirían seguir gobernando no caso de que sumasen os seus votos os deputados de Coalición Canaria (17), PP (14) e Vox (3) para superar os 31 escanos que marcan a maioría absoluta. Os seus socios de Podemos quedarían fóra, e Nueva Canarias e Agrupación Socialista da Gomera repetirían os de 2019: catro e tres, respectivamente, unha suma insuficiente.

E en Estremadura, cun resultado moi axustado co 95,6% escrutado, habería empate técnico de PSOE e PP con 28 escanos cada un, mais os seus socios decidirían o goberno e todo apunta que se decantará cara á dereita: Vox ten 5; Podemos, 4.

Os populares logran a maioría absoluta na Comunidade de Madrid, onde Isabel Díaz Ayuso alcanza os 71 escanos e non precisará os 10 da extrema dereita, mentres Podemos queda fóra e Más Madrid e PSOE empatan a 27. E tamén logra a absoluta na Rioxa, onde os conservadores, con 17, arrebatan o poder a Concha Andreu, que perde tres e queda con 12. Vox e Podemos logran 2.

Unha situación semellante dáse en Balears, onde gobernará o PP (25 de 30 escanos) mais precisará os 8 deputados de Vox. PSOE (18), Més (4), Més per Menorca (2), Podemos (1) e Sa (1) non suman suficientes escanos. Tamén gobernará o PP, de novo, en Murcia, onde obtén 21 deputados que precisarán da suma de Vox (9). O PSOE cae até os 13 e Podemos fica con 2.

E o mesmo acontece noutros dous feudos socialistas: Aragón e País Valencià, que pasan ambos os dous a mans conservadoras. No primeiro caso, PP (28) e Vox (7) lograrían a suma necesaria, que non alcanzarían PSOE (23), Chunta (3), Teruel Existe (3) Podemos (1) e Izquierda Unida (1). Tampouco será decisivo o Partido Aragonesista (1).

Mais a gran sorpresa da noite, se callar, foi a que viviu o País Valencià, onde o Pacto do Botànic non poderá reeditarse malia subir o PSOE catro escanos, até os 31, e Compromís ceder só 2, pois Unidas Podemos quedou fóra do Parlamento após lograr 8 escanos en 2019. PP (40) e Vox (13) logran os votos necesarios.

E inesperado foi tamén para moitas persoas o acontecido en Cantabria, onde o presidente Miguel Ángel Revilla e o seu PRC perden o poder cun enorme descalabro nas urnas, pasando de 15 a 8 escanos, os mesmos que o PSOE. PP (15) e Vox (4) teñen a chave do goberno.

Comentarios