domingo 09/05/21

O Parlamento galego expresa a súa solidariedade coa Fronte Polisario

A través dunha declaración institucional pactada polos grupos con representación no Lexislativo -PP, BNG e PSOE-, a Cámara fai un chamamento "á responsabilidade" das partes, ás que apela a "acelerar o proceso negociador" para atopar unha saída pacífica ao conflito "que respecte os dereitos e liberdades do pobo saharauí".
Crianzas saharauís

O Parlamento galego expresou a súa solidariedade co pobo  saharauí e ao que recoñece como o seu lexítimo representante, a Fronte Polisario, ante a situación humanitaria que atravesan os campos de refuxiados no Sáhara Occidental, á vez que insta Nacións Unidas a mediar no conflito con Marrocos.

A través dunha declaración institucional pactada polos grupos con representación no Lexislativo -PP, BNG e PSOE-, a Cámara fai un chamamento "á responsabilidade" das partes, ás que apela a "acelerar o proceso negociador" para atopar unha saída pacífica ao conflito "que respecte os dereitos e liberdades do pobo saharauí".

Por este motivo, os grupos ven "imprescindíbel" que a ONU nomee un representante especial para o Sáhara Occidental para velar polas "garantías democráticas" e o respecto aos dereitos humanos da poboación  saharauí.

Ademais, tamén se dirixen ao Goberno español, ao que reclaman que asuma as súas "obrigas como potencia administradora" e,  deste modo, defende os acordos internacionais e os dereitos humanos do pobo  saharauí.

Neste sentido, apelan ás autoridades españolas a  exercer un papel  proactivo nos "foros e organizacións internacionais" para esixir o cumprimento dos acordos e a liberación dos activistas saharauís "que permanecen de forma ilegal nas prisións de Marrocos".

"Solicitamos a adopción das accións políticas e diplomáticas necesarias por parte do Goberno español e da Unión Europea para esixir ao Reino de Marrocos o respecto aos dereitos humanos e democráticos do pobo saharauí, cumprindo cos compromisos adquiridos coa Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental ( MINURSO)", sinala a declaración institucional dos grupos.

Por último, a Cámara incide na necesidade das autoridades internacionais garantan a subministración de vacinas contra a Covid-19 ao pobo  saharauí, algo que consideran un "elemento imprescindíbel" para "previr unha expansión incontrolada da enfermidade, de consecuencias imprevisíbeis no contexto de precariedade sanitaria existente nos campamentos de refuxiados".

comentarios