xoves 26/11/20

"Sen autodeterminación, non haberá paz no Sáhara Occidental"

Continúan os combates entre os Exércitos de Marrocos e do Sáhara Occidental, despois do operativo militar marroquí da pasada sexta feira contra civís que cortaban o paso de Guerguerat. Rabat, fiel á política de restar importancia a todo o que teña que ver coa Fronte Polisario, minimiza os enfrontamentos e nega que haxa guerra.
Concentración diante do Ministerio de Asuntos Exteriores español, en Madrid, a pasada sexta feira (Foto: Nós Diario)
Concentración diante do Ministerio de Asuntos Exteriores español, en Madrid, a pasada sexta feira (Foto: Nós Diario)

O Exército da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) continuou hoxe cos ataques contra posicións marroquís ao longo do "Muro de seguridade" construído por Rabat en territorio ocupado do Sáhara Occidental. Foi o cuarto día consecutivo de combates desde que a Fronte Polisario considerase roto o acordo de cesamento do fogo asinado en 1991, debido ao operativo militar marroquí da pasada sexta feira contra civís que cortaban desde o 21 de outubro o paso de Guerguerat, na fronteira con Mauritania. 

Segundo o último parte de guerra facilitado polas autoridades saharauís, correspondente ao domingo, foron bombardeadas dúas bases militares en Frasia; unha base militar e un batallón en Bagari; tres bases, dous batallóns e un punto militar en Hausa; unha base e un batallón, en Um Legta; e unha base e un batallón, en Auserd. As forzas saharauís aseguran ter causado numerosas baixas, feridos e desercións.

Porén Marrocos nega estas informacións. Nega mesmo que haxa unha guerra (a Polisario declarouna oficialmente o sábado), unha palabra que non utilizou en ningún momento (fala de "provocacións"), e nin sequera recoñeceu formalmente que estea roto o acordo de cesamento do fogo. O domingo, de feito, o ministro marroquí de Exteriores, Naser Burita, expresou "o compromiso do seu país co cesamento do fogo", nunha conversa con Josep Borrell, alto representante para a Política Exterior da Unión Europea.

Ignorar a Polisario

Explícao Javier Otazu, correspondente en Rabat da axencia de noticias española EFE: "En realidade, Marrocos é fiel á súa política de restar importancia a todo o que teña que ver coa Fronte Polisario, á que sempre negou toda lexitimidade para falar en nome dos saharauís, e a minusvaloración dos seus ataques abunda na mesma lóxica que a de chamar 'milicias' aos combatentes da fronte".

Nesta situación, volveuse abrir na fin de semana o paso de Guerguerat ─unha faixa de cinco quilómetros no extremo sur do Sáhara ─ e restabeleceuse parcialmente o tráfico de mercadorías, informou a TV pública, Alaoula. E nas cidades ocupadas, en particular en El Aaiún e Esmara, o ministerio das Zonas Ocupadas e das Comunidades saharauís denunciou que as forzas marroquís "iniciaron unha feroz campaña de represión, acoso, terror e ataques violentos contra defensores saharauís de dereitos humanos", ademais de "actos de represión de presos saharauís nos cárceres marroquís". Tamén informou desta situación a axencia de noticias saharauí Équipe Média.

Responsabilidade española

"Sen autodeterminación, non haberá paz", apunta ao respecto o delegado do Goberno da RASD na Galiza, Mohamed Erga, en declaracións a Nós Diario. Desde o seu departamento, na liña do expresado nas últimas horas polo ministro de Exteriores, Mohamed Salem Uld Salek, que vinculou "a fin da guerra" coa conclusión da "ocupación ilegal" no Sáhara Occidental, fan unha "apelación á comunidade internacional" neste sentido. 

Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, Salek manifestou que "a guerra acaba de comezar como consecuencia da agresión marroquí e da súa confiscación no Guerguerat e tamén como resultado da negativa de Marrocos a aplicar o acordo asinado connosco baixo os auspicios da ONU e da Unión Africana". Ademais, subliñou que a "brecha" non existía antes do acordo de 1991 e que "se utiliza para saquear os recursos naturais do pobo saharauí e para inundar África con drogas".

Mais como se chega ao momento actual? Explícao o delegado do Goberno da RASD na Galiza. "Somos un pobo con dereito e utilizaremos todas as formas lexítimas para aplicalo", afirma, e argumenta que esta situación bélica é produto de "20 anos de proceso de paz falido". Ao respecto, insiste nun argumento: "Somos un pobo pacífico, mais non nos deixaron outra opción".

A maiores apunta a "responsabilidade histórica de España", que deixou a súa "provincia 53" en mans "doutra ditadura sanguinaria que viola os dereitos de nenos e mulleres, tamén da súa propia poboación". Neste sentido, ducias de membros da comunidade saharauí e outras persoas concentráronse na fin de semana diante do Ministerio de Exteriores español co fin de condenar o Acordo Tripartito de Madrid asinado en 1975. 

Tamén, para denunciar a "complicidade" do Goberno español coa ocupación marroquí e para exixir que "España se involucre como potencia de iure" no conflito so Sáhara Occidental, "asuma a súa responsabilidade ética e histórica", e "se cumpran dunha vez os compromisos internacionais co pobo saharauí".

Medios marroquís falan de "bandidaxe"

Os medios máis próximos á monarquía de Mohamed VI salientaron a reapertura de Guerguerat ao tráfico de camións. Alaoula cualificou de "bandidaxe" a acción dos saharauís, e de "foraxidos" os refuxiados en Tinduf. E unha caricatura do xornal Assahra Al Maghribiya fala de "desinfección" do paso, representando os saharauís como ratas.

comentarios