luns 19/04/21

A Polisario alerta dunha escalada bélica e da intervención de Alxeria e Mauritania

Sostén que o Goberno de Marrocos mantén un "silencio mediático" sobre a guerra no Sáhara Occidental.
sidi_omar_sahara_onu
Tamén o representante saharauí na ONU criticou o bloqueo actual (Foto: Sahara Press Service)

O secretario xeral do Ministerio de Seguridade e Documentación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Sidi Wagal, alertou hoxe de que as tensións abertas con Marrocos o pasado mes de novembro sufrirán, "con total seguridade, unha escalada bélica", polo que non descarta que isto leve a unha intervención de Alxeria de Mauritania.

Nunha conferencia de prensa telemática, Wagal xustificou a presenza do Exército alxerino nos campamentos de refuxiados saharauís de Tinduf, que considera "rutineira", e denunciou, por contra, que "ninguén ficará protexido" ante o rexurdimento da violencia na zona, que "será exposta ao completo ao perigo que supón o conflito armado".

"Todos sabemos que despois desa escalada toda a rexión ficará exposta", aseverou antes de matizar que a "estratexia marroquí" afecta tamén as fronteiras de Alxeria e Mauritania.

Así, sinalou que dada a política "expansionista" marroquí, "isto lévanos a que todos os escenarios son posíbeis nesta guerra". "Marrocos ten unha política expansionista non só cos saharauís senón tamén sobre os países veciños, que están ameazados", advertiu. "Desde a declaración da guerra houbo incidentes. A veciña Mauritania sufriu ataques", relatou.

Neste sentido, recordou que "as bombas que caeron sobre os territorios mauritanos deixaron vítimas civís". "A Fronte Polisario leva moito tempo advertindo a comunidade internacional de que isto levaría a unha guerra", dixo, aínda que incidiu en que "a guerra xa está na rexión".

Ademais, sinalou así mesmo que o conflito "seguirá" até que se logre a "liberación de todo o territorio saharauí". "Esa é a determinación e a vontade do Exército", manifestou.

Wagal aproveitou a ocasión para lembrar que Marrocos mantén un "silencio mediático" sobre o conflito para preservar os seus intereses, especialmente os económicos: "Estamos ao comezo, mais Marrocos terá que recoñecer a guerra tarde ou cedo, e isto terá resultados a nivel local e internacional".

ONU

Ademais, o representante saharauí ante a ONU, Sidi Omar, denunciou que o proceso no organismo internacional está "bloqueado" e lamentou que, polo tanto, non se poida falar dun "proceso político" no Sáhara Occidental, que carece de enviado especial de Nacións Unidas.

Tamén subliñou que o Estado español "podería facer moito máis, comezando por recoñecer a súa responsabilidade política". E a respecto do cambio de Executivo nos EUA, agarda que se rectifique no recoñecemento da soberanía de Rabat sobre a zona.

comentarios