A oposición une esforzos para o Parlamento abordar xa esta semana os incendios

En Marea, PSdeG e BNG, de acordo con alterar a orde do día do Parlamento esta terza feira para abordar a vaga de lumes. Peden que o presidente da Xunta informe esta semana sobre o curso dos acontecimentos e un pleno monográfico a próxima semana, xa con debate sobre o asunto. "Aínda non é o momento de pedir demisións", di Luís Villares.

Parlamento galego, grupos do BNG, En Marea, PSdeG. 22 de febreiro de 2017.
photo_camera Bancadas da oposición

Para Ana Pontón (BNG), a palabra é "desamparo", así ficou o pobo galego perante o avanzo das lapas. A líder nacionalista lembrou que a comezos do verán o BNG ofereceu a Feijóo un pacto de país en materia de loita contra incendios e de ordenación da floresta. A oferta aínda está por contestar.

Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) concordou con Pontón ao referir que moitas persoas -"desbordadas" e "desamparadas"- se viron obrigadas a combater as lapas en solitario.

Por súa parte, Luís Villares (En Marea) louvou as cidadás e cidadáns que saíron ás rúas con caldeiros e mangueiras para sufocaren os lumes, nun combate desigual en que até puñan en risco "as súas propias vidas" e fronte "á falta de medios de quen ten o deber de os pór", en alusión á Xunta. 

Comentarios