O BNG desconfía dos proxectos europeos de Feixoo pola súa "opacidade"

O BNG critica a opacidade sobre os 108 proxectos europeos que o presidente da Xunta anunciou en outubro que remitira á Moncloa para candidatar Galiza aos fondos Covid. 
A deputada do BNG, Noa Presas, ante a prensa (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG, Noa Presas, ante a prensa (Foto: Nós Diario)

O BNG cargou contra a falta de transparencia sobre os 108 proxectos europeos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou en outubro que remitira á Moncloa para candidatar Galiza aos fondos Covid europeos. 

“Un mes despois de termos solicitado a documentación o que recibimos é un power point de 13 folios, portada incluída, con catro xeneralidades", denunciou a deputada do Bloque, Noa Presas, sobre os contados datos que a Xunta remitiu aos grupos na Cámara.

Ademais, a parlamentaria apostilou que "ao sumar as cantidades que se mencionan faltan 1.614 millóns de euros sobre os 9.400 millóns anunciados".

Por isto, lamentou que o Goberno galego "nin se molestase en que as cifras cadrasen".

En lugar de informes, "temos un folleto", dixo Presas, "en que por exemplo se pretende vender como proxecto europeo facer máis albergues no Camiño de Santiago. Ese é o nivel de rigor nun asunto fundamental para a reactivación económica e social”, lamentou.

Contra a “opacidade e improvisación, que mesmo pode estragar a oportunidade que supón ter fondos europeos extraordinarios”, Presas anunciou que volverá levar o asunto ao Parlamento cunha iniciativa en que demandará transparencia, xestión directa dos fondos para Galiza e unha estratexia de país.

 

Comentarios