A Cámara dá luz verde á lei que reduce os tempos para resolver informes de eólicas

O PP tramita pola vía de urxencia no Parlamento a lei que axiliza a implantación de eólicas.
A conselleira de Medio Ambiente do Executivo galego, a popular Ángeles Vázquez, no debate das leis no Parlamento.
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente do Executivo galego, a popular Ángeles Vázquez, no debate das leis no Parlamento. (Foto: Arxina)

O Parlamento iniciou a tramitación da Lei de simplificación administrativa e reactivación económica, un texto nado en novembro no Consello da Xunta. Daquela o presidente Alberto Núñez Feixoo presentáraa como un instrumento para a recuperación económica grazas á redución dos prazos de emisión de informes administrativos a un máximo de tres meses para proxectos empresariais.

Porén, a nova lei tamén contempla a redución dos prazos de informes para  grandes proxectos de alto impacto ambiental, como son os parques eólicos (cuxos informes terán que estar en 12 meses en lugar da media actual de agarda, que son 24).

Cos votos a prol do PP, a abstención do PSdeG e o 'non' do BNG, o Parlamento tomou en consideración da proposición de lei de simplificación administrativa, que foi defendida no pleno polo viceportavoz do grupo parlamentar popular, Miguel Tellado, que destacou que esta norma ten un obxectivo "moi claro: xerar confianza, que é fundamental para reactivar a economía, incentivar o consumo e lanzar unha mensaxe de protección".

Respondeulle a portavoz parlamentar de economía do BNG, Noa Presas, que cualificou o texto de "nova lei de depredación", xa que, segundo explicou, a proposta busca "favorecer o modelo depredador do Ibex 35”.

Para Presas, a lei “disfrázase” de axilización administrativa mais representa “o abrazo definitivo da Xunta á máis absoluta desregulación económica e industrial, barra libre para as eólicas e para regalar os recursos naturais a grandes fondos de investimento e deixar a sociedade galega con cada vez menos marxe de resposta a un modelo depredador". 

Pola súa banda, a portavoz de orzamentos do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou que ao PP lle "entrasen as présas" para aprobar por urxencia a lei de apoio á reactivación dez meses despois da declaración da pandemia e sinalou que a iniciativa do PP non soporta a comparación con outras comunidades autónomas que teñen aprobadas normas no mesmo sentido desde febreiro.

Ademais, Rodríguez Rumbo sinalou que, ao presentarse o texto como proposición de lei desde o grupo parlamentar do PP e non como proxecto de lei desde a Xunta -pese a nacer no Consello de Goberno e non no PP- implica que a norma eluda o informe do Consello Económico e Social e o informe da asesoría xurídica da Xunta. Aliás, a socialista reprochou que o proxecto de lei se presentase no Parlamento sen haber informe nin acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias.

Nova lei do territorio 

A conselleira de Medio Ambiente do Goberno galego, Ángeles Vázquez, tomou a palabra no pleno de para fechar o debate sobre as dúas novas leis que aprobou o Parlamento cos votos a prol da bancada popular e o 'non' do BNG e PSdeG: a lei de ordenación territorial e a de pesca continental. "Buscamos mellorar a calidade de vida dos galegos" e "protexer os nosos ríos para que sexan fontes de diversidade", sinalou Vázquez sobre ambos os textos legais. 

A deputada do Bloque Alexandra Fernández cargou contra a lei de ordenación do territorio por incluír a declaración de interese autonómico do chan como unha "desregularización". 

Para o voceiro de Ordenación do Territorio do Partido Socialista, Luís Álvarez, o novo texto lexislativo amosa a “falla de orientación” e a “incapacidade de xestión pública da Xunta” na planificación estratéxica e na ordenación do territorio. Así mesmo, o socialista criticou a falla de motivos que “acrediten” a necesidade dunha nova lei, “xa que o mero feito das máis de dúas décadas de vixencia da actual lei non resulta un argumento suficiente”.

Desprotección dos ríos

En canto á lei de pesca continental, o nacionalista Xosé Luís Rivas 'Mini' e o socialista Pablo Arangüena advertiron de que o texto do PP provoca "un retroceso na defensa ambiental".

Arangüena afirmou que a Xunta leva “11 anos sen cumprir coa obriga de sancionar, prever e mellorar a situación dos ríos” para agora reducir á metade as sancións por vertidos e relaxar o control e as exixencias para as explotacións hidroeléctricas. O socialista tamén criticou que a Xunta “permita e ampare todo tipo de incumprimentos das concesionarias e favoreza esas mesmas empresas de todas os modos posíbeis".

Comentarios