Ocultou a Xunta un estudo no que as persoas enquisadas se identificaron coa Galiza?

España aparecería en cuarto lugar; a provincia, no sexto posto e Europa, no oitavo

España aparecería en cuarto lugar; a provincia, no sexto posto e Europa, no oitavo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera España aparecería en cuarto lugar; a provincia, no sexto posto e Europa, no oitavo. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG Luís Bará formulou esta quinta feira, 5 de outubro, unha pregunta ao Goberno galego relativa á previsión de futuras fusións de Concellos recollidas nas conclusións do estudo da Fundación Juana de Vega que aínda non se fixeron públicas a pesar de que o estudo rematou a súa vixencia o 31 de outubro de 2022.

Para o deputado, esta ocultación pode responder a que as conclusións non “satisfán  os intereses da Xunta da Galiza” porque as persoas enquisadas responderon identificarse en primeiro lugar con Galiza, seguida da aldea ou residencia e en cuarto posto con España.

Na súa intervención, explicou  que “existe unha disposición favorábel da poboación galega á fusión voluntaria de Concellos para mellorar os seus servizos”. Nesta liña,  o Consello da Xunta aprobou no mes de outubro de 2021 a subscrición dun convenio coa Fundación Juana de Vega para analizar as fusións municipais e impulsar outras novas, por un importe de 72.600 euros.

O Goberno “oculta as conclusión” do estudo sobre fusións municipais

Segundo a información facilitada pola Xunta, engadiu o nacionalista,  o convenio  buscaba “abrir un debate sobre a necesidade de actualizar o mapa político administrativo da Galiza” e “avaliar se a actual planta municipal é eficiente, estudar alternativas para mellorar a súa eficacia e mitigar os problemas que xera o despoboamento”. Ademais, incluía  formular propostas para incentivar novos procesos de fusión, pero o estudo rematou hai un ano e “nada sabemos das conclusións”.

No mes de abril de 2022,engadiu Bará,  a Xunta deulle difusión ás enquisas do estudo de reforma do mapa municipal galego, elaboradas no marco do citado convenio. Nelas concluíase “unha disposición favorábel da poboación galega á fusión voluntaria de Concellos” e o apoio a esta posición estaría, segundo as citadas enquisas, no 83%.

Con respecto aos obxectivos do convenio, “nunca se presentaron publicamente os seus resultados nin se impulsaron novas fusións municipais” polo que preguntou que previsión manexa o Goberno galego sobre futuras fusións municipais e sobre os  resultados das existentes.

Tras a resposta da directora Xeral de Administración local, Natalia Prieto Viso, que eludiu responder as cuestións concretas  formuladas e se escudou en que os traballos continúan en elaboración, o nacionalista acusou ao Goberno de negar un debate sobre o modelo de organización e gobernanza na Galiza e repreguntou cando se farán públicas as conclusións do estudo e que previsión hai para un novo mapa municipal.

Por outra banda, Bará pediu a información publicada por un medio de comunicación sobre “a identificación das persoas entrevistadas” que segundo a propia Xunta confirma que en primeiro lugar “identifícanse con Galiza”, non coa parroquia nin o concello, seguida da aldea ou residencia e aparecendo España en cuarto lugar, a provincia no sexto posto e Europa no oitavo. O deputado pediu á directora xeral esta documentación á que sumou a información sobre o convenio do estudo da planta galega nos procesos de fusión municipal.

Comentarios