A Galiza, o "laboratorio" das fusións infrutuosas de concellos

A Galiza experimentou hai case unha década en Oza dos Ríos e Cesuras o que hoxe acontece nas localidades estremeñas de Don Benito e Villanueva. A fusión dos concellos galegos, a diferenza deste último caso, decidírona as corporacións municipais e non a cidadanía a través dun referendo.
Desvío cara ao concello de Oza-Cesuras por estrada (Foto: Europa Press).
photo_camera Desvío cara ao concello de Oza-Cesuras por estrada (Foto: Europa Press).

As localidades estremeñas de Don Benito e Villanueva de la Serena fusionaranse nun novo municipio cuxo nome aínda está por determinar. Esta é a consecuencia do referendo decorrido este domingo, no que 90,4% das e dos vilanovenses optaron pola fusión, fronte a un axustado 66,27% no caso de Don Benito.

Na votación popular deste último concello alcanzouse pola mínima o limiar de dous terzos da poboación requirido para aprobar a proposta, nunha controvertida votación que suscitou a polémica após rexistrar varias incidencias a páxina web habilitada para ofrecer os datos oficiais.

Sexa como for, o debate sobre a conveniencia de fusionar municipios está servido. Con todo, na Galiza houbo xa un caso pioneiro unha década atrás; concretamente, no verán de 2013, cando se oficializou a unión entre Oza dos Ríos e Cesuras, dando lugar ao Concello de Oza-Cesuras.

Daquela o procedemento fora ben distinto: non houbo consulta popular, senón que a decisión a tomaron as corporacións municipais destes dous municipios. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, foi o principal valedor desta proposta, nun momento no que a crise económica instaba a buscar fórmulas para aforrar nos servizos públicos.

"Os veciños de Oza e Cesuras van vivir nun concello máis próspero e cunha vocación de permanencia fronte aos retos dun novo mapa municipal. Co apoio maioritario decidiron apostar pola cooperación e dar un paso adiante cara á fusión, e co apoio maioritario lograron converterse nun único concello que, a partir de agora, destinará menos cartos á burocracia e máis aos servizos públicos", dixera naquela altura Núñez Feixoo.

Mais, case unha década despois, os datos contradín a postura do Goberno galego. Hoxe, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), con rexistros consolidados a 1 de xaneiro de 2021, en Oza-Cesuras residen 5.170 persoas, o que supón 165 menos que as que sumaban ambos os concellos antes da fusión.

A veciñanza de Cesuras, da mesma forma que agora a de Don Benito, amosaba certas reticencias por mor dos “beneficios” cara ao núcleo principal de poboación, Oza dos Ríos, onde se mantén a sede do consistorio municipal.

E o mesmo aconteceu coa unión en 2016 de Cerdedo e Cotobade, que daquela sumaban 6.071 veciños e veciñas e hoxe, 5.719 —352 habitantes perdidos en apenas cinco anos—.

Comentarios