Unir os concellos para fortalecer os servizos públicos
Jorge Cubela. Alcalde Cerdedo-Cotobade
A unión de municipios ten sentido se se queren fortalecer os servizos públicos”. Esta foi a máxima que levou as Corporacións de Cerdedo e Cotobade a defender a unión municipal no ano 2016.
Algo anormal na política galega e española, onde cada cal adoita pensar no efémero, no básico e no inmediato.
Daquelas causas que defendemos para abordar o proceso da unión dos nosos concellos: perda de poboación, necesidade de mellorar a eficiencia do gasto e compartir servizos, asistimos á consolidación dun municipio de 5.700 habitantes, a eliminación do Imposto sobre a Construción Instalación e Obras (ICIO) para fomentar a rehabilitación de vivenda e o asentamento de poboación, a posibilidade de cofinanciar investimentos con outras administracións, ou o incremento do orzamento municipal nun 100% en cada exercicio, con liquidacións moi superiores.
Entre os incentivos para fusionarnos tras a modificación da Lei de Bases de 2013 e a Lei de administración local de Galicia recóllense que entre os beneficios pola fusión atópanse o incremento do seu financiamento, a preferencia na asignación de plans de cooperación local ou de subvencións, ou a dispensa na prestación de novos servizos obrigatorios como consecuencia do aumento da poboación.
Grazas a iso, Cerdedo-Cotobade incrementou substancialmente os servizos de medio ambiente, obras, urbanismo, servizos sociais e cultura, do que podían ofrecer por separado ambas entidades.
Melloráronse as economías de escala. Licítanse con procedemento aberto as grandes subministracións de materiais do concello, mellorando as porcentaxes de aforro e os prezos. Pasa con todos os servizos.
Se antes tiñamos varios provedores para distintos servizos, agora concentramos os contratos cun único provedor, co que se mellora o control e o gasto.
Para algúns todo isto parecía unha quimera, pero o obxectivo é que puxemos o noso novo concello no mapa, nun modelo de xestión, con moitos máis recursos, con novas infraestruturas e co retorno da eficiencia nos nosos veciños.
Falamos de que o noso concello terá dúas residencias de maiores, un balneario lúdico, centros sociais e de cultura, vivendas sociais, máis investimento en axuda a domicilio, urbanizacións e unha promoción do turismo nunca antes coñecida e que por separado sería impensable imaxinar.
Todo o que os autores vaticinaban que sería un colapso, que teríamos que subir os impostos, que perderíamos cartos e que perderíamos servizos, non se cumpriu.
Ao contrario, demostramos que a unificación das ordenanzas fiscais permitiu reducir as taxas e os impostos municipais, recadamos máis de Participación de Ingresos do Estado (PIE) do Estado e da Xunta de Galicia, que a través do Fondo Complementario demostrou o seu compromiso cos procesos de fusión voluntaria.
Cómpre indicar ademais que o electorado non só non castigou electoralmente liderar e pilotar este proceso, senón que o noso grupo e o noso partido viron incrementadas as porcentaxes de apoio nas eleccións municipais de 2019, grazas a demostrar con feitos o que firmamos ante notario.
Se me preguntan se boto en falta algo, respondería que un Estado que permanece durmido ante unha planta municipal como a de España está condenado a quedar atrás. Se miramos cara aos países do norte e centro de Europa vemos como souberon adiantarse e incentivar procesos que poidan beneficiar os cidadáns e a organización territorial das súas entidades locais.
A historia dunha fusión falida
Pilar Pedreira. Voceira do PSdeG en Oza-Cesuras
Neste 2023, cúmprense dez anos da fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras. Por aquel entón, anunciouse como o comezo dun proceso imparable para gañar eficiencia na xestión municipal e mellorar a vida dos veciños e veciñas de toda Galicia.
As palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foron claras: “Aprobamos o decreto de fusión voluntaria dos concellos de Oza e Cesuras. Unha medida histórica pola que quero felicitar os seus principais beneficiarios, que son os veciños do novo concello de Galicia, Oza-Cesuras”.
Botarlle un ollo ás hemerotecas daqueles días é un exercicio duro e que merece explicacións, aínda que estou convencida de que non chegarán.
Comezando pola promesa daquel gran polígono de servizos para o novo concello que nunca chegou.
De todas as infraestruturas prometidas, unicamente temos unha escola infantil que xa estaba feita antes da fusión de ambos os concellos.
Nin chegou a planta de Begano (Coca-Cola), nin a planta de biomasa, nin o novo colexio, nin a residencia de maiores, nin a reforma do sanatorio do Paranxón… todo papel mollado.
Tamén se falou do baleirado do terraplén do ferrocarril que divide en dous o núcleo principal de Oza, pero agora, dez anos despois, falan de colocar un paso subterráneo de moito menor calado. O que ía ser un investimento de tres millóns de euros, semella que vai quedar en 147.000 euros.
O que si pasou tras a fusión foi o despedimento de traballadores municipais por duplicidades, e unha das primeiras medidas que tomou o alcalde, Pablo González Cacheiro, foi case duplicarse o salario. A lei amparábao, é certo, xa que coa fusión o novo concello superaba os 5.000 habitantes. Outra cosa é se a ética tamén o amparaba.
Non chegou a Coca-Cola, pero as mensaxes previas á fusión eran dignas dalgún dos anuncios publicitarios do famoso refresco. Núñez Feijóo atreveuse a dicir que a fusión demostraba “que hai vida intelixente nos concellos pequenos de Galicia”.
As dúbidas e a expectación dos meses posteriores á fusión pronto se converteron en decepcións.
Non se aforraron gastos, non se celebraron plenos municipais en Cesuras, non chegaron máis fondos estatais… e o proceso imparable de fusións deu como resultado só unha máis en Galicia nos dez anos seguintes.
Nos últimos anos, varios estudos e análises demostraron que a fusión foi falida.
Un estudo do profesor de Economía da Universidade da Coruña Pablo Abeal recollía unha conclusión contundente: “Non poden crearse municipios desde a arbitrariedade, desde afinidades políticas e persoais, as fusións non deben formularse como dous alcaldes que deciden fusionarse”.
O silencio mediático e político destes anos con respecto á fusión só se ve interrompido en ocasións excepcionais, como é este décimo aniversario.
Din que o único bo dos erros é aprender deles.
Os habitantes de Oza e Cesuras non tivemos dereito a decidir sobre o futuro dos nosos concellos, espero e desexo que a partir de agora nunca se aborde un proceso deste tipo sen sometelo a unha consulta popular.
Aquí, en Oza-Cesuras, toca seguir na pelexa, reivindicando as débedas históricas co noso concello para mellorar a vidas dos veciños e veciñas. Ese debe ser o único obxectivo das decisións dun responsable público.