O BNG lamenta a "oportunidade perdida" de "avanzar realmente" na nova Lei de Ciencia

Néstor Rego anunciou a abstención da formación nacionalista por "non recoller todos os avances" que o BNG propuxera a través de distintas emendas.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou a "oportunidade perdida" para avanzar no fortalecemento do sector científico durante o debate no Congreso da nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.

Rego subliñou que se trata dunha ocasión perfecta para impulsar "unha ciencia para toda a sociedade e unha ciencia con dereitos".

Con máis de trinta emendas rexistradas pola organización nacionalista, Rego procuraba "defender as competencias galegas nesta materia, garantir o retorno social do investimento, incrementar o financiamento, reducir a fenda de xénero, a inclusión do persoal técnico e eliminar a taxa de reposición de efectivos".

"No BNG entendemos que sen ciencia non hai futuro e que, polo tanto, esta lei era unha oportunidade para avanzar e impulsar unha ciencia para toda a sociedade mais tamén para construír unha ciencia con dereitos" explicou o deputado nacionalista.

Emendas do BNG

O deputado do BNG sinalou que, se ben o texto recolle certos avances, a maioría das emendas presentadas polo Bloque para mellorar a nova lei non foron aceptadas.

Estas emendas estaban enfocadas a abranguer diferentes ámbitos. Un primeiro, para garantir as competencias galegas nesta materia e a capacidade para deseñar unha política propia que estabeleza as prioridades en materia de I+D+i e atenda as necesidades específicas da Galiza.

O segundo bloque de emendas procuraban "garantir o retorno social dos investimentos públicos", tanto na escolla dos proxectos ou liñas de investigación como no acceso aos avances e innovacións financiados polo sector público e "sen que prime en exclusiva o rendemento económico".

"Emendas para garantir dereitos e rematar coa precariedade dos colectivos de investigadores e de investigación. Por exemplo, a emenda sobre a investigación biomédica -similar á 250 aprobada en comisión e que o PSOE tentou tombar", detallou Rego.

Incremento da financiamento pública até 2%

Aliás, o BNG tamén propuxo incrementar a financiamento pública até 2% "para chegar a ese 3% estabelecido" que marca a Unión Europea como obxectivo para 2030.

"Tamén emendas que teñen que ver con reducir a fenda de xénero, como recolle a Lei Ángeles Alvariño  -que o BNG impulsou no Parlamento da Galiza- que está en vigor no noso país" reivindicou o deputado.

"Quixemos ser a voz dos colectivos que fan ciencia e agradecemos as achegas que nos quixeron enviar diversos colectivos, como Investigal, unha asociación moi activa na Galiza" explicou o deputado nacionalista.

Néstor Rego anunciou a abstención do BNG na aprobación desta nova Lei de Ciencia, xa que, se ben a considera "necesaria", o feito de que as emendas nacionalistas fosen rexeitadas na súa maioría impediu que o texto final se axeitase ás pretensións da formación política.

Comentarios