Opinión

As ciencias ensinan a pensar

Atribúese a Hipatia de Alexandría esta frase: "as persoas aférranse a un prexuízo ou superstición coa mesma enerxía que a unha verdade ou incluso con máis, xa que o prexuízo é intanxíbel e non pode ser refutado, mentres a verdade é un punto de vista e por tanto modificábel". O pensamento crítico –ao que dediquei gran parte da miña investigación na USC– consiste en que as persoas constrúan os seus propios xuízos en base á análise de probas, e non a meras opinións, primeiras impresións, "intuicións", prexuízos ou dogmas. A cuestión de como axudar ao desenvolvemento do pensamento crítico é complexa: a escola ten un papel, mais é tamén responsabilidade da familia, da sociedade, dos medios de comunicación. Se na escola se practica o debate a través de argumentos sustentados en probas, e nos medios e redes sociais son frecuentes as opinións sen máis apoio que a autoridade, e mesmo as mentiras e a substitución da refutación –achegar probas contra o argumento que se quere criticar– polo insulto, cabe dubidar de que mensaxe será máis efectiva.

A propósito do novo currículo de secundaria e bacharelato circulan nestes días opinións sobre a presenza da filosofía e a súa relevancia para ensinar a pensar. Asignarlle á filosofía este papel en exclusiva é unha simplificación que parece responder en certa medida a intereses corporativos. Hai estudos sobre a relativa contribución de distintas materias e estudos universitarios ao pensamento crítico –por exemplo a tese de Claudia Álvarez Ortiz, ou a análise de 71 investigacións por Huber e Kuncel– e ningún deles sustenta a idea tan repetida de que a filosofía ensine a pensar en maior medida que outras materias. As clases de ciencias –nas que bo número de docentes implican ao alumnado en debates sobre dilemas científicos de incidencia social, como o racismo ou o cambio climático–, de historia, de lingua ou outras fornecen un contexto tan favorábel a aprender a pensar como a filosofía. O que si mostran os estudos é que a capacidade de pensar, e de pensar criticamente, mellora practicándoa. Noutras palabras, non se trata de impartir leccións maxistrais sobre como razoar. Unha parte da aprendizaxe das ciencias –que no BAC son só optativas, non obrigatorias como a filosofía– é aprender a explicar como sabemos o que sabemos e por que cremos o que cremos, un compromiso coas probas que é unha das grandes contribucións das ciencias á cultura contemporánea.

Comentarios