As investigadoras galegas cargan contra a nova Lei de Ciencia

Anuncian mobilizacións se o Ministerio non estende a indemnización por despedimento aos contratos actualmente en vigor.
EuropaPress_3344860_investigadora_laboratorio_desarrolla_vacuna_rusa_contra_coronavirus_spuntik
photo_camera EuropaPress_3344860_investigadora_laboratorio_desarrolla_vacuna_rusa_contra_coronavirus_spuntik

O Ministerio de Ciencia e Innovación acaba de sacar a información pública o borrador da nova Lei de Ciencia, chamada a mellorar as condicións da investigación no Estado español. Con todo, o Executivo estatal deixa de lado a reivindicación de máis de 15.000 investigadoras e investigadores, aos que non recoñecerá o dereito a ter unha indemnización o finalizar o seu contrato, segundo denuncian desde asociacións como a Rede Galega pola Investigación (InvestiGal) ou a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC).

A este respecto, explican que a nova regulación dos contratos pre e posdoctorais recoñece o dereito a 12 días de salario por ano traballado, mais esta medida só afectaría aos contratos que se asinen desde a súa entrada en vigor. 

A indemnización por fin de contrato é unha "reivindicación histórica" que, critican, o Executivo está disposto a negar "aos investigadores e investigadoras que máis sufriron as consecuencias da crise sanitaria", lembran as afectadas.

Ademais, inciden en que a nova lei deixa outras cuestións sen abordar, como a elaboración dun Estatuto do Persoal de Investigación ou o incremento da retribución mínima dos contratados predoctorais.

Por todo isto, as dúas asociacións galegas, xunto con outras sete do resto do Estado, anuncian o seu "rotundo rexeitamento" ao que consideran unha discriminación "inxusta".

Neste senso, advirten de que, se non hai rectificación por parte do Ministerio de Ciencia para que a medida afecte a todos os contratos en vigor, convocarán mobilizacións en diferentes cidades o vindeiro 7 de febreiro, coincidindo coa comparecencia da asociación que engloba estas entidades no Congreso das Deputadas.

Comentarios