Néstor Rego, sobre a posíbel investidura de Sánchez: "O BNG non vai dar un cheque en branco"

Para Néstor Rego, os resultados das últimas eleccións estatais mostran un "contexto bastante complexo", pero no cal "emerxe con forza a relevancia do papel das nacións que compoñen o Estado español" e das forzas nacionalistas.
Carme da Silva e Néstor Rego (Foto: Europa Press).
photo_camera Carme da Silva e Néstor Rego en rolda de prensa esta cuarta feira (Foto: Arxina).

O deputado electo do BNG no Congreso, Néstor Rego, garantiu esta cuarta feira que "se depende" da súa formación, en no Estado español "non vai gobernar a dereita e a ultradereita", aínda que advertiu a Pedro Sánchez de que o seu apoio para unha eventual investidura non será "un cheque en branco".

Así o afirmou durante unha rolda de prensa convocada en Santiago coa senadora do BNG Carme da Silva, onde apuntou que a formación está a elaborar un documento de exixencias para presentar ao cabeza dos socialistas españois de cara a unha posíbel investidura.

"Nós estamos en disposición de falar partindo de algo que é explícito: se de nós depende, non vai gobernar a dereita e a ultradereita", apuntou Rego, que quixo, no entanto, "deixar claro" que a formación nacionalista "non vai dar un cheque en branco a ninguén".

Neste sentido, lembrou que o seu papel no Congreso pasa por "pór os intereses da Galiza en primeiro plano" e pediu ao líder dos socialistas "compromisos claros" en materias como o investimento, a política social ou o avance no autogoberno.

Para Néstor Rego, os resultados das últimas eleccións estatais mostran un "contexto bastante complexo", pero no cal "emerxe con forza a relevancia do papel das nacións que compoñen o Estado español" e das forzas nacionalistas. Por iso, reclamou "maior presenza" e un "recoñecemento non só formal, senón real, do carácter plurinacional do Estado".

"Galiza non pode estar á marxe deste proceso, non pode ser un invitado de pedra", dixo o deputado electo, que avanzou que o BNG "non vai permitir" que na escena estatal se fale "permanentemente de Catalunya e Euskadi", obviando Galiza.

Autogoberno, financiamento e servizos

Entre as exixencias do BNG están as de "fortalecer o autogoberno" coa "asunción de todas as competencias pendentes", algo para o que, lembrou Rego, "non chega coa vontade do Goberno do Estado", senón que debe existir "un interese por parte da Xunta" para reclamalas.

"Debemos camiñar cara a un novo status político para o noso país, que blinde as competencias e nos dea capacidade real para decidir", dixo.

Ademais, mencionou outras "cuestións fundamentais" como un novo modelo de financiamento que non sexa "prexudicial para Galiza", así como o debate ao redor da débeda.

Este último tema, dixo Rego, é "complexo", dado que, no caso galego, "o goberno do PP negouse a recorrer ao fondo de liquidez autonómica" e "preferiu que a débeda pública fose coa banca privada". "Galiza vai saír prexudicada por unha opción que tomou a Xunta que non era a máis adecuada", explicou, tras o que pediu que se aborde a posibilidade de que "haxa compensacións" neste sentido.

Carme da Silva, pola súa parte, apuntou que o BNG está "a traballar na elaboración dun documento de cara á negociación da investidura", dentro do que, avanzou, pediranse "compromisos con prazos verificábeis".

Entre outras cuestións, Da Silva pediu "compensar o déficit histórico en investimentos", especialmente no ámbito das infraestruturas, e o impulso de políticas sociais en campos como a igualdade ou o financiamento da Lei de Dependencia. Tamén reclaman "accións efectivas contra a crise industrial" e políticas ambientais que eviten que Galiza sexa "permanentemente utilizada para detraer recursos".

Comentarios