'Pinza' de PP e PSOE en Pontevedra para reabrir Raíña Vitoria ao tráfico

"Imos ter un mandato entretido, esperemos que divertido", augurou o edil nacionalista César Mosquera.
Avenida Raíña Vitoria, en Pontevedra. (Foto: Google)
photo_camera Avenida Raíña Vitoria, en Pontevedra. (Foto: Google)

PP e PSOE sumaron esta segunda feira os seus votos en Pontevedra para aprobar a reapertura ao tráfico da avenida Raíña Vitoria, así como a substitución dos pasos sobreelevados nos accesos a Montecelo. Foi nunha sesión plenaria na que a 'pinza' formada polos dous grupos da oposición, popular e socialista, impuxo algunhas medidas fronte ás que os nacionalistas están radicalmente en contra, como foi esta, á que votaron 'non'.

"Imos ter un mandato entretido, esperemos que divertido", apuntou o concelleiro do BNG César Mosquera, que asegurou que con esta actitude "o PSOE ten decidido non facer un Goberno de coalición", polo que aventurou que este mandato "probabelmente vaia a moción de censura".

Pola súa parte, o portavoz dos socialistas, Iván Puentes, rexeitou que aspire a "converter nunha relación de Pimpinela" os plenos, as negociacións co Bloque, ou "o futuro Goberno de coalición, se se dese o caso". Puentes criticou que “desde que o PSOE, con toda a xenerosidade do mundo" apoiou a investidura de Miguel Anxo Fernández Lores, o Goberno local do Bloque dedicouse a "pórlle fin a practicamente todas as iniciativas que o Partido Socialista desenvolveu nas súas concellarías nos últimos anos".

E o portavoz do grupo municipal popular, Rafa Domínguez animou o PSOE a "que manteña esta posición que trae aquí ao pleno de Pontevedra, entre ou non entre no Goberno".

En virtude do acordado no pleno, a proposta do PSOE e co apoio externo do PP e a oposición do BNG, a corporación insta o Goberno local a iniciar os traballos para a redacción do proxecto de humanización, reforma e usos da avenida Raíña Vitoria. O proxecto deberá incluír a transformación de todo o espazo nunha rúa de plataforma única con preferencia peonil.

Comentarios