Parlamento

Carme da Silva, Manuel Baltar e José Manuel Rei Varela, elixidos oficialmente para o Senado

A elección dos populares contou co apoio de 42 votos, tantos como deputados ten o PP na Cámara, mentres a da nacionalista contou co referendo de 30 votos a favor. Houbo, ademais, tres papeletas nulas.
Carme da Silva, Manuel Baltar e José Manuel Rei Varela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carme da Silva, Manuel Baltar e José Manuel Rei Varela. (Foto: Nós Diario)

O ex presidente da Deputación de Ourense e líder provincial dos populares na provincia, Manuel Baltar, así como o alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, e a que fora cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra e edil neste concello, Carme da Silva, foron elixidos esta sexta feira senadores por designación autonómica nun dos tres plenos extraordinarios cos que o pazo do Hórreo despediu a actividade antes do paro de agosto. A votación tivo lugar en urna cunha única papeleta na que aparecían os tres nomes e podía marcarse cunha cruz cada un deles. A elección dos populares contou co apoio de 42 votos, tantos como deputados ten o PP na Cámara, mentres a da nacionalista contou co referendo de 30 votos a favor. Houbo, ademais, tres papeletas nulas.

Á marxe do apoio dos 19 parlamentarios do Bloque, a directriz oficial do grupo socialista era votar a favor da nacionalista e non marcar a casa de ningún dos aspirantes populares. A excepción chegou da man do parlamentario do PSdeG Pablo Arangüena, quen pediu a palabra ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para explicar que esperaba que "un dos votos nulos" non fose o seu. Desvelou que puxera a palabra "non" xunto ao nome do ex presidente da Deputación ourensá.

Fontes consultadas por Europa Press ratificaron que, ademais de Arangüena, outros dous deputados socialistas da órbita do ex secretario xeral Gonzalo Caballero, optarían por explicitar o seu "non" a que Baltar sexa designado como representante da Galiza no Senado, o que derivou en papeletas nulas. Arangüena proseguiu as súas críticas en Twitter, onde manifestou a súa "repulsa" pola designación e o "consecuente aforamento" dunha persoa que representa "o peor caciquismo, a corrupción e o naufraxio do Estado de Dereito".

"Marquei 'non' xunto ao nome de Baltar na papeleta para designar senador autonómico porque o sistema non permitía votar en contra. Non quero branquear o caciquismo. Feixoo e Rueda deben comparecer e explicar o engano do popular aforando a Baltar", aseverou o socialista.

Os populares propuxeron Baltar para ser representante da Galiza na Cámara alta apenas un mes despois de que este dese un paso ao carón ao renunciar a seguir á fronte da Deputación provincial co fin de facilitar que o seu partido puidese conservala, segundo afirmou el mesmo, tras unha campaña municipal marcada polo seu exceso de velocidade —que acabou nun xuízo aínda pendente— e outras polémicas. A renuncia de Baltar permitiu un cambio de ciclo na institución provincial despois de máis de tres décadas ligadas ao seu apelido, primeiro da man do seu pai, José Luís Baltar, e despois baixo o seu mandato. Agora preside a institución o alcalde do Pereiro de Aguiar e tamén senador electo nos comicios do pasado 23 de xullo, Luís Menor, da órbita de confianza da dirección galega do PP.

O seu xefe de filas no PPdeG, Alfonso Rueda, deu por feito, ademais, que Baltar, quen segue á fronte dos populares na provincia, non optará á reelección no próximo congreso orgánico, cando este sexa convocado. O dirixente ourensán, en todo caso, non fechou esa porta. En canto a Rei Varela, o ex conselleiro logrou recuperar a Alcaldía de Ferrol, na que xa estivera no seu día, con maioría absoluta.

Currículos

José Manuel Rei Varela é licenciado en Dereito e especialista en Liderazgo de Xestión Pública polo IESE Business School. No ano 2002 entrou na corporación municipal de Ferrol, converténdose no concelleiro máis novo e asumindo a portavocía adxunta do grupo municipal popular. Foi concelleiro, alcalde de Ferrol e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), así como conselleiro de Política Social baixo o mandato de Alberto Núñez Feixoo. Nas pasadas eleccións galegas de 2020 foi elixido deputado no Parlamento, cargo que deixou o pasado mes de xuño para tomar posesión como alcalde de Ferrol.

Manuel Baltar tamén é licenciado en Dereito, funcionario, entre os anos 1998 e 2001 e delegado provincial en Ourense da Consellería de Agricultura. Posteriormente foi deputado na Cámara galega nas filas do PP. En febreiro de 2012 'herdou' do seu pai a Presidencia da Deputación de Ourense, até que anunciou que non seguiría no cargo o pasado mes de xuño. En 2010 foi elixido presidente do PP de Ourense, responsabilidade que mantén.

Pola súa parte, Carme da Silva foi deputada entre 2005 e 2009 e tamén exerceu como deputada en 2012 durante a VIII Lexislatura, así como de concelleira no Goberno local de Pontevedra, onde na actualidade é responsábel de Planificación Territorial. Tamén é a responsábel da área de Política Municipal dentro da Executiva do BNG e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio, nas que o Bloque incrementou a súa representación en 132 concelleiros e pasou a liderar o goberno en 39 concellos.

O BNG celebrou que con Carme da Silva como senadora completa a súa representación en Madrid, despois de que nas pasadas eleccións do 23 de xullo volvese obter un escano no Congreso pola Coruña, que volverá ocupar Néstor Rego. Con esta decisión, a formación que lidera Ana Pontón aposta por "unha muller de longa traxectoria política, con moita experiencia tanto no ámbito institucional como de xestión", unha voz "forte e solvente" para visibilizar Galiza na Cámara alta.

Comentarios