23-X

Sánchez confía en conseguir o voto de Junts para a investidura

ERC propón unha negociación conxunta.
Pedro Sánchez, agradecendo á militancia socialista os resultados desde Ferraz. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, agradecendo á militancia socialista os resultados desde Ferraz. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A partir da constitución do lexislativo español o 17 de agosto, tras os comicios estatais do pasado 23 de xullo, o presidente español en funcións e candidato do PSOE ao cargo, Pedro Sánchez, buscará “lograr unha investidura que nos permita seguir avanzando catro anos máis”, traducindo a “maioría social nunha maioría parlamentaria”, indicou esta segunda feira, abrindo a porta a que inclúa grupos “que se foron distanciando do Goberno progresista” nos últimos anos.

Para iso precisará o apoio das forzas soberanistas, especialmente de Junts, que exixiu amnistía e autodeterminación para apoiar que Sánchez se manteña na Presidencia. Nesa liña, integrantes da dirección de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) pediron esta segunda feira a Junts nunha carta pública “sumar esforzos” para negociar co PSOE, que “debe ser consciente de que se quere gobernar o seu país deberá respectar o noso”.

Asemade, transcendeu que o candidato do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, e do ultraespañolismo de Vox, Santiago Abascal, reuníronse a semana pasada para avaliar o resultado electoral.

No encontro dedicáronse a "analizar o resultado" dos comicios, nos que PP e Vox ficaron próximos á maioría absoluta —170 escanos, aos que se sumaría o logrado por UPN nunha hipotética investidura de Feixoo—, e a "incerteza" de cara a posíbeis pactos no Congreso que permitan quer a Feixoo quer ao presidente do Goberno español en funcións e candidato do PSOE, Pedro Sánchez, lograr unha maioría que lle permita gobernar.

A mesma noite electoral, Abascal culpou o PP de frustrar "a alternativa" cos seus chamamentos ao voto útil e "ofrecementos" ao Partido Socialista, como cando pediu a Sánchez, no único debate —'cara a cara'— no que accedeu a participar, que se comprometese por escrito a permitir a investidura da "lista máis votada" após as eleccións.

E desde as filas da extrema dereita tamén acusaron os 'populares' de crer unhas enquisas "manipuladas" que tiñan o obxectivo —segundo Abascal— de "desmobilizar o electorado de dereitas" e de "dar por feita" a vitoria antes de lograla. "Venderon a pel do oso antes de cazalo", cuestionou o líder ultra, nada máis coñecer os resultados.

Comentarios