25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

Miles de persoas enchen Compostela da man do BNG para "gañar unha nación mellor"

Ana Pontón asume ante unha ateigada praza da Quintana o "compromiso" de lograr para o nacionalismo a Presidencia da Xunta.
Manifestación nacional do BNG polo Día da Patria (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestación nacional do BNG polo Día da Patria (Foto: Arxina)

Miles de persoas —ao redor de 20.000 segundo a organización— participaron onte na masiva manifestación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) polo Día da Patria Galega en Compostela. Persoas como Xosé, da comarca do Barbanza, que non perde unha mobilización do 25 de Xullo desde 1983, "cando a Policía nos deu de hostias para que non puidésemos entrar na zona vella, o que si conseguimos a partir do ano seguinte", lembra. Ou como Ana, de Ourense, que nin nacera en 1984, "nin en 1994 tampouco, que eu son deste século, de 2002", apuntaba entre risos. Ana estaba onte en Compostela porque, dixo, "hai que cambiar isto, hai que cambiar Galiza para mellor, e iso só o pode facer o BNG, ninguén máis". A palabra "cambio", de feito, estivo onte presente na mobilización do BNG. Antes do inicio da manifestación, que arrancou da Alameda compostelá entre o bruar dos bombistas de Tomiño que abrían a marcha e os berros de "Que queiran, que non, Galiza é unha nación" dos miles de participantes, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou a "abrir un cambio de ciclo". Un cambio, completou posteriormente, xa durante o seu discurso na praza da Quintana, "que non está marcado polo quilómetro cero madrileño", senón que vai ser un "cambio para gañar un país mellor".

Pontón reivindicou a defensa da Galiza como a defensa "de todas as causas xustas: a democracia, a igualdade e a liberdade. O emprego, a vivenda e o medio ambiente. A lingua, a cultura, a identidade". A propia mobilización que percorreu a capital galega foi un exemplo diso, con bandeiras non só da Patria Galega, tamén feministas, do colectivo LGBT+, antifascistas, palestinas; con faixas contra a "depredación eólica" ou a favor da sanidade e do ensino público, da lingua e reclamando a soberanía dos pobos do mundo. Foi unha manifestación que partiu puntualmente para levar a reivindicación nacional por rúas e prazas da capital galega, ás veces entre furgonetas da Policía española, outras ante a curiosidade ou sorpresa de turistas para os que o 25 de Xullo é a data "del Apóstol" e outras, tamén, como na rúa da Senra, entre aplausos da veciñanza. 

"Presidenta, presidenta!"

"A nación que nos une e pola que estamos aquí", afirmou o deputado Daniel Castro, encargado de abrir as intervencións na Quintana, praza que ficou pequena para acoller a grande afluencia de xente, moita da cal non puido acceder a ela. E esa nación desfilaba onte, entre sons de gaitas e pandeiretas, entre berros de "Galiza ceibe, poder popular"; con rapazada con camisetas do Celta, Dépor, Lugo, Compos ou Arenteiro; con familias nas que cada un levaba a súa bandeira; ou grupos de amigos aínda coa noite recente do Festigal a pesar nas pálpebras a manifestarse "pola soberanía nacional".

Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, na intervención na Quintana, citou a histórica nacionalista Saleta Goi, falecida o pasado ano: "Ou temos país ou anúlannos", e situou o nacionalismo como "unha forza imparábel".

Este 25-X tivo tamén un aire de resaca das eleccións do domingo. "Non cumprimos as expectativas e aspirabamos a máis. Debemos analizar como mellorar. Mais neste contexto, incrementamos 25% os votos. Na Galiza só hai unha forza alternativa ao PP que sobe en votos e en porcentaxe. Sabedes cal é? O BNG", subliñou Pontón no corazón da zona vella. Unha portavoz nacional que tamén quixo pór en valor os resultados das municipais do 28 de maio, "cun incremento dun 30% da nosa representación", avanzo que quixo simbolizar en "Chus López, a primeira alcaldesa de Samos; e Goretti Sanmartín, a primeira muller que colle o bastón de mando na capital da nación". A Quintana atronou cos aplausos, como tamén atronou cando mencionou Bautista Álvarez, histórico dirixente nacionalista falecido en 2017.

Ana Pontón, remataba a súa intervención cun claro e contundente "imos a por todas, sen límites", e chamou a "facer historia" nas vindeiras eleccións galegas para termos "por primeira vez unha presidenta coas mans libres para defender os galegos e as galegas". 

"Presidenta, presidenta", corearon as miles de persoas que seguían o discurso. "O vindeiro 25 de Xullo estaremos aquí cunha presidenta da Xunta", afirmara momentos antes Daniel Castro. O canto do Himno Galego puxo música a ese compromiso. 

Assembleias Independentistas e PCRG 

A do BNG non foi a única mobilización. As Assembleias Independentistas (AI) e o Partido Comunista pola República Galega (PCRG) realizaron senllas manifestacións, que sumaron varios centos de persoas. Agora Galiza, pola súa parte, organizou un acto con militantes e simpatizantes."A defensa da Terra é autodefensa" foi a palabra de orde da mobilización das AI, onde se reivindicou a independencia como unha ferramenta de transformación da Galiza e se puxo en valor a loita popular que se está a dar ao longo do país en temas como o de facer fronte ao "espolio eólico". O PCRG marchou co lema "Independencia e socialismo" e puxo en valor conflitos como o do metal ou a loita das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar,  como "orgullo de coherencia obreira e combatividade para dobregarmos o brazo de ferro da patronal.

O Partido galego realizou un acto no Panteón dos Galegos e Galegas Ilustres para "reclamar que se instaure a coroa do reino de Galiza como símbolo nacional de todos os cidadáns galegos".

Comentarios