Parlamento

O BNG urxe reformar a Lei de inclusión social para "garantir os dereitos da poboación máis vulnerábel"

"O PP prometeu e comprometeu por activa e por pasiva a reforma da lei, que leva anos anunciando. Non só incumpriu as súas promesas, senón que votou reiteradamente en contra das propostas impulsadas polo BNG", censura Olalla Rodil.
A nacionalista Olalla Rodil, no Parlamento da Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera A nacionalista Olalla Rodil, no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)

A deputada do BNG Olalla Rodil vén de rexistrar no Parlamento da Galiza unha batería de iniciativas coas que urxe o Goberno galego a modificar a Lei de inclusión do ano 2013, co obxectivo de "adaptala" á nova realidade socioeconómica galega e "atender as necesidades da poboación máis vulnerábel", especialmente no que atinxe ás familias monoparentais, a mocidade ou a poboación migrante.

Segundo a memoria anual do Consello Económico e Social (CES) referida á situación socioeconómica da Galiza, a taxa de risco de pobreza e exclusión social descendeu no último ano até situarse en 18,4%. Con todo, advirte Rodil, non o fai en todas as franxas de idade, nacionalidade nin tipoloxía de fogares.

Así, a poboación comprendida entre os 16 e os 24 anos é a que rexistra unha maior incidencia, de forma que 25,6% da poboación galega nesta franxa de idade está en risco de pobreza ou exclusión social. Entre os menores de 16 anos, a taxa é de 22,7%, e para as persoas de 50 a 64 anos sitúase en 22,7%.

A portavoz do BNG en materia de dereitos sociais subliña, ademais, que o maior risco de pobreza, con base na última memoria do CES, continúa rexistrándose nos fogares compostos por unha persoa adulta con menores a cargo (50,6%), malia que se ve reducida.

Reforma pendente

Nesta conxuntura, o BNG censura que o Executivo galego siga sen reformar a Lei de inclusión "para adaptar a realidade normativa e socioeconómica actual" e urxe estabelecer novas ferramentas que permitan atender as necesidades da poboación, fundamentalmente das familias monoparentais, os mozos e a poboación migrante.

"O PP prometeu e comprometeu por activa e por pasiva a reforma da lei, que leva anos anunciando. Non só incumpriu as súas promesas, senón que votou reiteradamente en contra das propostas impulsadas polo BNG", lamentou.

Comentarios