Entrevista

Míriam Louzao, edil de Turismo de Santiago: "A taxa turística é parte dun modelo de máis calidade"

O Pazo de Fonseca acolle mañá un foro de análise organizado polo Concello de Compostela para avanzar no deseño dun novo modelo turístico. Na véspera da xornada 'O impacto turístico nas cidades. Taxa turística e outros instrumentos de xestión', Nós Diario conversa coa concelleira de Turismo, Míriam Louzao.
Míriam Louzao dirixe a Concellaría de Capital Cultural e Turismo de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Míriam Louzao dirixe a Concellaría de Capital Cultural e Turismo de Santiago. (Foto: Arxina)

—A Xunta da Galiza accedeu finalmente á posta en marcha dunha taxa turística en Compostela. Cando comezará a aplicarse?
Estamos traballando para poder aplicala canto antes. O que nos piden agora desde a Xunta é un informe exhaustivo que argumente a implantación deste imposto. É o primeiro que nos corresponde dentro do Plan de turismo sostíbel do que fan parte o Concello de Santiago, a Xunta e o Estado, ao tempo que comezamos a analizar como planificar a recadación da taxa que desde o Concello propoñiamos que levase a cabo a Xunta.

Para nós, o ideal era contar cun organismo de xestión único para todo o país, que fose a Xunta quen aplicase a taxa e que revertese nos concellos de alto impacto turístico que así o solicitasen. Mais resolveu que  sexa Compostela quen a poña en marcha. Isto sitúanos nun novo punto de partida.

—Que axuda vai supor a creación dunha taxa turística?
Cando chegamos ao Goberno detectamos que Santiago está sufrindo unha gran presión turística, concentrada, sobre todo, en determinados meses do ano e en espazos concretos. Temos o firme compromiso de mudar o modelo turístico actual e de deseñar un novo en diálogo co sector e coa cidadanía.

Neste contexto, e dado que o turismo ten un impacto na propia cidade, entendiamos que era lóxico considerar a taxa turística implantada xa en moitos lugares do mundo, tamén na Península, e que as persoas que nos visitan contribúan a paliar, en parte, os gastos que xera o impacto turístico, como gastos de ordenación do tráfico ou de limpeza.

Pero, co que se recade, tamén queremos desestacionalizar e diversificar o turismo: pór en marcha proxectos culturais en épocas de menos visitas, emprender melloras de espazos públicos e de áreas naturais, iniciativas que redundarán nunha maior oferta e de máis calidade.

—Como funciona este imposto en cidades cunha elevada presión turística como Compostela?
As fórmulas de xestión varían segundo os territorios, ao igual que os investimentos que se fan cos cartos recadados. En Barcelona, por exemplo, teñen en marcha até 450 proxectos financiados coa taxa turística, pero tamén é importante o impacto que ten en campañas de promoción turística.

O turismo é un elemento fundamental do sector económico da nosa cidade, pero ten que ser respectuoso co patrimonio, coa cultura e coa vida cotiá da veciñanza. O impulso dun turismo sostíbel, máis consciente e responsábel é outra prioridade que se vai poder beneficiar da taxa turística.

—Este imposto ás estadías turísticas é a medida con máis sona do Plan de turismo sustentábel de Compostela, pero hai máis. Que outros instrumentos de xestión están a considerar para reducir o impacto do turismo masivo? 
Hai moitas fontes das que botar man e avanzar. A taxa turística non é a única. Hai que traballar con serenidade e con certa ousadía, en permanente diálogo co sector e co tecido asociativo. No verán arrancamos co Código de Boas Prácticas que lideraron no seu momento entidades veciñais. Unha guía para chegar en orixe a quen nos vai visitar e saiba de antemán que hai certos comportamentos incívicos que non teñen cabida nunha cidade Patrimonio da Humanidade. Pero tamén queremos pór en marcha campañas e paquetes turísticos que axuden a que a visita sexa mellor para a cidadanía, para o sector e para quen visita Compostela.

A política turística que se seguiu até o de agora é a de 'números e récords', pero temos que pasar a un modelo que ofreza un turismo de calidade a partir dunha cultura e unha lingua propias e dun patrimonio que vai máis aló dos tópicos.


Experiencias sobre o impacto turístico

O Goberno municipal está a estudar e pórlle cifras á presión turística que soporta Compostela. Unha "sensación" que percorre a cidade e que xa conta con datos concretos –compostelas, durmidas,  viaxantes que recibe o aeroporto– "que xa indican que este vai ser o primeiro ano mellor que o anterior, sendo 2022 un Ano Santo". Hai cidades que reciben moitas máis visitas, destaca Louzao, "pero teñen o triplo de poboación que Compostela". Con esta pegada, o turismo centrará unha xornada de análise que terá lugar mañá no Pazo de Fonseca: "O impacto turístico nas cidades. Taxa turística e outros instrumentos de xestión".

Contará coas achegas de persoas expertas de Barcelona, Porto, Málaga e Sevilla máis de propia cidade. "Queremos abrir un novo escenario de traballo para deseñar con diálogo o novo modelo. Queremos aprender doutras experiencias para pór en marcha a nosa co maior coñecemento posíbel".

Comentarios