O Básquet A Coruña podería subir a escaleira á Liga ACB

Precisa, ademais de gañar, que perda o TAU Castelló.
A batalla está servida na categoría de prata do baloncesto estatal. (Foto: Básquet A Coruña).
photo_camera A batalla está servida na categoría de prata do baloncesto estatal. (Foto: Básquet A Coruña).

Esta podería ser unha fin de semana histórica para o baloncesto coruñés, ou quen sabe se tan só unha máis dentro desa gran carreira de fondo que vén sendo a LEB Ouro durante a presente campaña.

Porque, de conseguir facerse coa vitoria ás 18 horas do domingo no Pazo de Riazor fronte a Tau Castelló, o Leyma Básquet A Coruña podería certificar definitivamente o seu ascenso á máxima categoría estatal, a ACB.

Non obstante, para iso depende do resultado do seu inmediato perseguidor, Longevida San Pablo Burgos, que tería que caer na tarde do sábado no seu feudo ante un Baloncesto Fuenlabrada que acumula seis triunfos consecutivos, unha ecuación posíbel pero non exenta de dificultade.

Para o preparador herculino, un Diego Epifanio que xa sabe o que é ascender dirixindo unha escuadra do país, pois en 2021 subiu o Leite Río Breogán, era "algo utópico" a comezos da campaña pensar en estar nunha situación como a actual. "Todos asinaríamos chegar así á penúltima xornada", engadiu, lembrando, ademais, que tanto el como os seus homes xa levan "moito tempo convivindo coa presión" e que, de non lograr fechar o obxectivo este domingo, aínda terán a posibilidade de ser equipo na ACB superando o Melilla a vindeira semana na derradeira data do campionato.

Breo e Obra seguen loitando por salvarse   

E se o Leyma Básquet A Coruña quere subir á ACB, de alí non queren baixar ningún dos dous representantes da Galiza, ambos inmersos nunha encarnizada loita por non descender.

Quen mellor o ten, sobre o papel, é un Leite Río Breogán que o pasado sábado deu un paso de xigante após superar na súa pista o Covirán Granada, un rival directo co que agora está empatado a nove triunfos, un máis que os oito dun Monbus Obradoiro que marca o limiar do descenso a LEB Ouro.

Así, nesta trixésimo segunda xornada de torneo o Breo recibirá no Pazo Provincial de Lugo ás 17 horas do domingo un Lenovo Tenerife que promete ser un duro rival, como acredita a súa condición de cuarto clasificado.

Pola súa parte, o Obra tamén xogará na casa, no seu caso no Sar fronte Andorra ás 20.45 horas do sábado, nun encontro que debería ser máis accesíbel que o dos veciños lucenses, dada a irregularidade dos pirenaicos.

Comentarios