Goretti Sanmartín consegue que a Xunta da Galiza acepte a taxa turística para Compostela

Goretti Sanmartín (BNG), alcaldesa de Compostela, abriu esta segunda feira a rolda de contactos que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, manterá coas Alcaldías das principais cidades do país.
Alfonso Rueda e Goretti Sanmartín esta segunda feira (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda e Goretti Sanmartín esta segunda feira (Foto: Arxina).

Goretti Sanmartín (BNG), alcaldesa de Compostela, abriu esta segunda feira a rolda de contactos que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, manterá coas Alcaldías das principais cidades do país após a renovación das corporacións locais, tras as eleccións do pasado 28 de maio. Este foi o seu primeiro encontro oficial. Na xuntanza acordaron que poida pórse en marcha, só para a capital galega, un imposto para as estadías turísticas.

Trátase dunha cuestión que pasa por unha habilitación lexislativa que a rexedora deu por aceptada e para que o mandatario galego reclamou que fique "máis argumentado" para que poida saír finalmente adiante.

Á marxe desta cuestión, ambos os dirixentes acordaron que na lei de acompañamento dos orzamentos galegos para o ano 2024 incluirase unha definición de "vivenda baleira", o cal ten como obxectivo mobilizar as casas que actualmente están sen inquilinas ou inquilinos, tal e como reclamaba a rexedora de Compostela.

Na mesma liña, da reunión de onte entre Rueda e Sanmartín saíu o compromiso de construír vivenda pública. Así, a Xunta cedería a parcela da avenida Xoán XXII para equipamento público e, a cambio, construiría vivenda pública en terreo cedido polo Concello.

Custo da Capitalidade

Ademais, na tarde de onte acordaron reunir antes de finalizar o ano 2023 o Consello de Capitalidade, para estudar un incremento do financiamento de Compostela polo seu status de capital da Galiza que se debaterá nunha xuntanza de intercambio técnico de información económica.

O compromiso alcanzado é analizar as conclusións desta xuntanza e recoller os custes acordados en 2025, con efecto retroactivo de 2024, de ser o caso.

Do encontro, que en palabras de Sanmartín foi "cordial e produtivo" e "construtivo" –segundo Rueda–, tamén saíu un consenso para que todas as administracións se impliquen nun incremento do esforzo orzamentario co Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, órgano executor do Patronato de Compostela no que se materializa a cooperación institucional entre o Goberno do Estado español, a Xunta e o Concello.

Ademais, reuniranse, a semana que vén se as axendas o permiten, para abordar a mobilidade do entorno do Hospital Clínico Universitario de Santiago. En canto á construción dun Centro de Saúde de Conxo, a posición do Executivo galego foi negativa, conseguindo a rexedora o compromiso de licitar unha reforma do inmóbel actual por un total de 5 millóns de euros. En canto ao aparcadoiro do complexo, Rueda comprometeuse a estudar "cales son as fórmulas para que poida haber ese aparcadoiro no CHUS unha vez que sabemos que coa ampliación vai haber máis problemas de aparcamento", dixo Sanmartín.

Na mesma liña, Sanmartín conseguiu que o mandatario galego se comprometera a executar obras de saneamento no rural compostelán no rural para os proxectos que o Consistorio remita á Xunta, por unha cantidade similar á que o Executivo galego destina noutras cidades da Galiza.

Comentarios