Turismo

A taxa turística, a debate en Santiago nun foro internacional

O Salón Nobre do Pazo de Fonseca da capital galega acollerá esta sexta feira, a partir das 9.15 horas, a xornada de debate 'O impacto do turismo nas cidades', aberta a todo o público.
Turistas na praza do Obradoiro de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Turistas na praza do Obradoiro de Santiago. (Foto: Arxina)

Representantes do tecido hostaleiro e social, políticos e estudosos de Santiago debaterán na capital galega sobre a implementación da taxa turística con outros representantes de cidades que, ou ben xa a aplicaron, como Barcelona e Porto, ou están tamén a estudar a medida, como Sevilla e Málaga. A edil compostelá responsábel da área de Turismo, Míriam Louzao, presentou esta segunda feira a xornada, baixo o nome 'O impacto do turismo nas cidades. Taxa turística e outros instrumentos de xestión', un foro de análise que "abre un novo escenario de traballo no deseño do novo modelo turístico que Santiago necesita".

O debate decorrerá no Pazo de Fonseca (Salón Nobre) esta sexta feira, 20 de outubro, entre as 9.15 horas e as 14h. Organízase no marco do Plan de turismo sustentábel, do que participan o Concello de Santiago, a Xunta da Galiza e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. "Desde o Goberno municipal temos o firme compromiso de alcanzar un novo modelo turístico para esta cidade, e para iso necesitamos pór en marcha novas iniciativas que acheguen valor o conxunto dos veciños de Compostela, alén dos beneficios económicos para empresas e persoas vinculadas directamente co sector", defendeu.

Nesta liña, a concelleira referiuse na rolda de prensa a iniciativas xa realizadas nos pasados meses, como a difusión do código de boas prácticas para potenciar o turismo consciente na capital galega, e asegurou que, tras alcanzar o compromiso por parte da Xunta da posibilidade real de implantación dunha taxa turística a curto prazo, queren "iniciar un novo camiño e dar pasos cara a ese modelo de turismo consciente e respectuoso co patrimonio, a cultura e a vida cotiá dos veciños".

Tres bloques

Tal e como explicou Louzao, a xornada dividirase en tres bloques. O primeiro está enfocado nunha visión técnica, e desde o rigor normativo e económico, da aplicación do tributo denominado 'taxa turística'. Nesa mesa de debate participarán o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC César García Novoa, autor ademais do estudo sobre a implantación deste tributo en Santiago de Compostela, e a directora xeral de Tributos da Generalitat de Catalunya, Natalia Caba i Serra, que ofrecerá a visión dun territorio que aplica este tributo desde 2012.

O segundo eixo está concibido para dar voz ao "ecosistema socioeconómico" da propia cidade. Esta mesa estará moderada pola vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Mª José Piñeira Mantiñán, e participarán o vicepresidente de Unión Hostaleira, José Antonio Liñares; o presidente de Hostaleria.gal, Lois Lopes; a presidenta da Asociación de Hostalería de Compostela, Sara Santos; a presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Lucía Vázquez; a presidenta da Asociación Veciñal A Xuntanza, Mon Vilar, e o presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca, Roberto Almuíña.

Cartaz promocional desta xornada de debate.
Cartaz promocional deste foro de debate.

Por último, o terceiro eixo centrarase na pegada do turismo nas cidades e contará coa participación de representantes institucionais de cidades peninsulares que aplican a taxa turística e tamén de cidades que están a estudar a súa implantación. Así, en representación deses concellos que xa contan co tributo intervirán o director de Turismo de Barcelona, Xavier Suñol Ferrer, e a vereadora de Turismo e Internalización da Cámara Municipal de Porto, Catarina Santos Cunha. Tamén o senador e portavoz do grupo socialista no Concello de Sevilla, Antonio Muñoz Martínez, e o director xeral de Turismo e Promoción do Concello de Málaga, Jonathan Gómez Punzón.

A xornada está aberta a todo o público e as persoas que desexen asistir deben inscribirse previamente a través do formulario dispoñíbel na páxina web de Turismo do Concello de Santiago.

Comentarios