Turismo

Dereito a gozar, obriga de coidar: así é o 'Código de boas prácticas' para turistas de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela distribuirá entre peregrinos e turistas un código de boas prácticas que busca pór fin aos "comportamentos inadecuados" das persoas visitantes. O seu dereito a gozar da cidade non pode supor un agravio para a veciñanza e o patrimonio, defende o Executivo local.
Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, María Rivas e Flavia Ramil, esta segunda feira, na presentación da campaña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, María Rivas e Flavia Ramil, esta segunda feira, na presentación da campaña. (Foto: Nós Diario)

O Goberno local está decidido a frear a proliferación de condutas incívicas que poden chegar a complicar a convivencia entre a veciñanza de Compostela e os numerosos grupos de turistas que non sempre respectan o descanso, a limpeza ou o coidado do espazo público. Ás denuncias de ruído e cánticos habituais nun casco histórico invadido polo turismo e pola circulación de bicicletas, en ocasións vulnerando a normativa, a veciñanza sumou nas últimas semanas o uso do Obradoiro como lugar de escalada, pícnic ou acampada nocturna.

Trátase de comportamentos incívicos que se repiten noutros emprazamentos históricos ou Cidades Patrimonio da Humanidade, explicou onte a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quen defendeu que se trata "dunha situación que non empezou hoxe".

Sanmartín avanzou un encontro coa Policía Local para analizar a "intensa campaña" de vixilancia que se está a desenvolver tanto na zona vella como no barrio de San Pedro para evitar os "comportamentos inadecuados" dalgúns turistas. Deu a coñecer, ademais, dúas novas actuacións que se aplicarán con carácter "inmediato": a difusión dun código de boas prácticas no ámbito do turismo e a mellora da sinalización de comportamentos prohibidos pola ordenanza municipal, que comezarán a sancionarse.

A concelleira responsábel de Turismo, Míriam Louzao, foi a encargada de presentar onte a campaña informativa que o Goberno de Santiago difundirá entre turistas e peregrinos coas recomendacións de comportamento durante a súa visita á cidade.

"O obxectivo básico é concienciar sobre o carácter patrimonial da nosa cidade e sobre a importancia de coidala, respectando tanto os espazos e edificios públicos como a propia vida cotiá e o descanso da veciñanza", afirmou Louzao. O código recolle 12 principios básicos ou valores a preservar: corresponsabilidade, diversidade, autenticidade, singularidade, calidade ambiental, calidade acústica, calidade visual, preferencia peonil, seguridade, dereito ao descanso, tranquilidade e hospitalidade.

Acompañada da xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e da subdelegada do Goberno español na Coruña, María Rivas, Míriam Louzao  debullou o Código de Boas Prácticas que axiña vai comezar a circular baixo o lema "Tes o dereito a gozar del e a obriga de coidalo". A campaña inspírase no concepto de "fraxilidade" de Compostela como Patrimonio da Humanidade, de feito, a súa estética remite aos envíos de paquetería fráxil.

Con esta iniciativa, desde o Goberno local aspiran a potenciar "un turismo de calidade, sostíbel, consciente, responsábel, que sexa un piar económico da cidade ao tempo que permita unha relación harmónica coa necesidades da poboación". Unha campaña que xa esta segunda feira rexeitou Borja Verea, portavoz do PP de Santiago, quen prognosticou que non será "suficiente" nin vai evitar "os actos vandálicos". Optou por exixir máis presenza policial e "multas significativas".

Comentarios