Luís Seara confirma a súa candidatura polo BNG á Alcaldía de Ourense

Seara xa fora candidato polo BNG de Ourense nas eleccións municipais de 2019.
Luís Seara e Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Seara e Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

O voceiro municipal do BNG de Ourense, Luís Seara, confirmou esta cuarta feira que repetirá a súa candidatura polo Bloque para obter a Alcaldía de Ourense nas eleccións municipais de 2023.

Seara, que estivo acompañado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, repite desta maneira como candidato da formación nacionalista, após ser cabeza de lista nos comicios que decorreron en 2019.

Nas súas primeiras declaracións como candidato confirmado á Alcaldía de Ourense, o actual concelleiro do Bloque afirmou ser un "namorado deste concello marabilloso, da cidade e do rural, do seu patrimonio, da súa cultura, da súa paisaxe mais, sobre de todo, da súa xente".

Neste sentido, Seara detallou que o BNG quere que “barrios e parroquias e, sobre todo, as persoas, sexan o eixo de todas as políticas, todos e todas, comerciantes, autónomos, hostaleiros, a xente da cultura, traballadores dos servizos públicos van ter en min un aliado e un apoio, van ter sempre no BNG unha forza seria, rigorosa e con palabra , que traballa polo desenvolvemento económico do concello e que aposta por políticas xeradoras de emprego”.

"Un tempo novo"

Pola súa parte, Ana Pontón asegurou que Seara “é o alcalde que Ourense necesita para abrir un tempo novo e darlle futuro a esta cidade, desde  a dignidade, con orgullo e aproveitando todo o seu potencial”.

A voceira nacional do BNG sinalou que, coa confirmación da candidatura, dá por empezada “a conta atrás” para recuperar Ourense e colocala no lugar que a formación política defende que lle corresponde, “a de ser unha capital de vangarda, que xere riqueza e emprego da man do proxecto que o BNG ten para esta cidade”.

“En maio de 2023 esta cidade ten a oportunidade de escoller un novo goberno que o BNG aspira a liderar, desde a humildade, pero con todo o convencemento de que temos o proxecto para que Ourense avance, para deixar atrás o caos, e abrir un tempo novo desde o orgullo, a confianza e o rigor dun goberno ao servizo da maioría”, concluíu.

Comentarios