Ourense

O PP abstense mais a petición de dimisión de Xácome prospera

Votaron a favor da moción PSdeG, BNG, Ciudadanos e os ex edís de Democracia Ourensá, mentres os tres actuais membros de DO rexeitaron a proposta e o PP abstívose alegando o "oportunismo" da proposta.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, esta sexta feira, no pleno. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O PP de Ourense abstívose na votación dunha moción de urxencia presentada polo PSdeG no pleno ordinario desta sexta feira, que, entre outras cuestións, pide a dimisión do alcalde por empuxar a unha sindicalista o pasado martes no marco da folga do transporte urbano.

A portavoz popular, Flora Moure, lamentou o "oportunismo" dos socialistas ao levar este texto, defendido por Natalia González. Con todo, cualificou de "lamentábel" o empurrón do rexedor, Gonzalo Pérez Xácome, á sindicalista Lola Panero, uns feitos "que nunca deberon ocorrer" e polos que instou o rexedor a pedir desculpas no pleno.

A representante popular pediu a votación por puntos da moción de urxencia, o cal foi rexeitado pola dirixente socialista. O texto, alén de reprobar a acción do rexedor e reclamar a súa dimisión, tamén pedía un apoio expreso aos traballadores da concesionaria do transporte urbano.

Na súa intervención, a portavoz socialista chamou ao rexedor a que "dimita". "Ninguén no seu lugar seguiría á fronte do concello", asegurou, mentres que o nacionalista Luís Seara observou que "o PP mantén a Xácome porque son o mesmo" e "Xácome mantén a Baltar".

"Licor de herbas e Coca-Cola"

Pérez Xácome, antes de proceder a realizar a votación, ironizou con que a postura dos socialistas era tanto como impedir elixir entre "'chupito' de licor de herbas" e "Coca-Cola", criticando que así se obrigaba a que "se se rexeita o 'chupito' tamén se rexeita a Coca-Cola".

A moción foi aprobada cos votos de PSdeG, BNG, Ciudadanos e os ex membros de Democracia Ourensá (DO). Os tres integrantes actuais de DO presentes no pleno votaron en contra e o PP, que forma parte do Goberno local, abstívose.

Empurrón do alcalde

A moción desta sexta feira foi consecuencia do empurrón que Pérez Xácome deu á sindicalista de Comisións Obreiras (CCOO) Lola Panero, que se atopaba na concentración convocada na Praza Maior pola folga de transporte urbano, na pasada terza feira.

Comentarios