O PP confirma que non pedirá a dimisión de Xácome e cualifica a súa agresión como "erro"

O portavoz socialista, Rafael Villarino, defendeu que "hai motivos máis que sobrados" para esixir a dimisión do rexedor municipal, e realizou un repaso por todas as situacións que viviu o alcalde con diferentes colectivos profesionais, con situacións xudiciais e tamén con compromisos incumpridos.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: Twitter)
photo_camera Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: @JacomeIsFake/Twitter)

O PP confirmou no pleno extraordinario da Deputación de Ourense desenvolto esta cuarta feira que non pedirá a reprobación e dimisión  do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, por "agredir verbal e fisicamente" a unha sindicalista de CCOO, ao tempo que cualificou este acto como un "erro".

O presidente da deputación, Manuel Baltar, xa adiantara na terza feira o voto en contra do Partido Popular, por considerar que non tiña lugar o debate nesta institución cando xa fora tratado no Concello.

Ademais do PP, a deputada non adscrita, Montse Lama, e Democracia Ourensá rexeitaron a moción presentada polo PSOE de Ourense, que foi unicamente apoiada por esta formación política e polo BNG.

PP e Democracia Ourensá

O portavoz provincial do PP, Plácido Álvarez, cualificou de "erro" a agresión de Xácome, criticou as "incongruencias" do PSOE por "pedir a reprobación do rexedor municipal pero por detrás tratar con el de impulsar unha moción de censura na mesma cámara na que solicitan a súa reprobación, na deputación".

A deputada non adscrita, Montse Lama, asegurou que a ela mesma lle propuxeron "ser presidenta da Deputación e carta branca", e criticou que os socialistas tamén a agreden verbalmente "desde hai tempo".

O deputado de Democracia Ourensá Armando Follea afirmou que se o ocorrido na Praza Maior de Ourense fose unha agresión xa tería que estar xudicializado.

"Comisións Obreiras levou o tema ao xulgado, eles considérano agresión e así o denunciaron, ten sentido", sinalou, para despois cualificar de "plausíbeis" as explicacións do rexedor sobre a agresión.

BNG e PSdeG

O portavoz do BNG, Bernardo Varela, lamentou que se necesitase este pleno extraordinario porque "a situación debería terse resolto hai xa un ano no Concello".

Varela lamentou que os votos de Xácome no Concello "son para manter a Baltar na Deputación", "o contrario que anunciaba o rexedor municipal antes das eleccións". Así, dixo que a única censura que espera "é a que realicen os veciños o ano que vén nas eleccións".

Pola súa parte, o portavoz socialista, Rafael Villarino, defendeu que "hai motivos máis que sobrados" para esixir a dimisión do rexedor municipal, e realizou un repaso por todas as situacións que viviu o alcalde con diferentes colectivos profesionais, con situacións xudiciais e tamén con compromisos incumpridos.

Comentarios