Municipais 2019

Luís Seara liderará a lista do BNG ao concello de Ourense

A súa candidatura –a única en liza– foi aprobada esta quinta feira pola asemblea local de Ourense.

Seara
photo_camera Seara

Seara, de 53 anos, é un dirixente cunha dilatada experiencia política na formación frentista, da que foi concelleiro na Merca. Diplomado en maxisterio, é o actual responsábel local do BNG en Ourense.

Coa súa designación o BNG visa o obxectivo de voltar a ter representación no concello de Ourense, após ficar fóra da corporación nas locais de 2015.
 

Para Seara, Ourense é unha cidade cun grande potencial, mais cun mal goberno local, o único do PPdeG nas cidades galegas. É unha cidade, afirma, que cómpre resetear. Esa é a tarefa á que se entregará nos próximos meses.

Dentro da fronte nacionalista, Seara, en tempos un dos cadros máis destacados do PNG-PG, está considerado como unha persoa con grande capacidade de diálogo cos distintos segmentos da organización. Afronta agora un desafío non pequeno.

Só fica Vigo

Após a aprobación da candidatura ourensá, o BNG xa ten cabeza de lista en 6 das 7 cidades galegas: Goretti Sanmartín (Compostela), Francisco Jorquera (A Coruña), Iván Rivas (Ferrol), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Rubén Arroxo (Lugo) e o propio Luís Seara na cidade das burgas.

Falta apenas Vigo, a cidade máis populosa do país e auténtico reto para o BNG, após ser desaloxado do concello en 2015.

Comentarios