Xácome cualifica o seu mandato de "histórico"

O alcalde definiu este tempo como "unha carreira de 1.500 metros" e asegurou encontrarse na última volta.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O rexedor municipal de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome aproveitou a celebración dos tres anos á fronte da Alcaldía da cidade para cualificar de "histórico" o seu mandato. "Nunca houbo na vida un mandato en que se fixesen tantas obras", sostivo.

O alcalde definiu este tempo como "unha carreira de 1.500 metros" e asegurou atoparse na última volta. "É a que define case todo", sinalou para destacar que, até o momento, se puxo en marcha a maquinaria porque "non se pode ser un bo condutor se o coche está estragado".

"E o Concello de Ourense era un automóbil totalmente estragado", manifestou para lembrar que mentres que nos últimos oito anos se construíra “un parque e pouco máis", o seu traballo está a ser "histórico".

"Nin sequera na época do boom inmobiliario, onde todo era alegría se fixo máis en Ourense”, asegurou.

Tras destacar as propostas actuais do Concello, asegurou que destes tres anos de mandato destaca "sacar proxectos de tremenda complexidade" como os elementos verticais, comparándose co rexedor municipal da cidade de Vigo, Abel Caballero, do que dixo que "nos primeiros catro anos non fixo ningunha obra relevante" mentres que a verticalidade en Ourense "ten moitísimo mérito".

As próximas eleccións municipais

O alcalde da terceira cidade da Galiza realizou o balance do seu mandato até o momento ante os medios de comunicación, que aproveitaron para preguntarlle polas estratexias da súa formación, Democracia Ourensá, para as próximas eleccións.

O rexedor municipal, que xa nunha rolda de prensa anterior apostaba por presentarse á reelección, foi claro ao asegurar que o obxectivo do partido será "loitar pola maioría absoluta e senón obviamente unha maioría simple", un obxectivo que ve "totalmente factíbel" e polo que "vai loitar, despois o resto xa se verá, de momento temos que ir e gañar as eleccións".

Comentarios