Pontón acusa Feixoo de permitir "un goberno letal" para Ourense

A portavoz nacional do BNG visitou a terceira cidade da Galiza para dar a coñecer a renovación das estruturas da formación e sinalar cales serán os retos da equipa de Luís Seara até 2023. Entre eles, está "devolver" a cidade á veciñanza.
Ana Pontón e o portavoz do grupo muninicipal do BNG, Luís Seara, esta sexta feira en Ourense. (Foto: BNG)
photo_camera Ana Pontón e o portavoz do grupo muninicipal do BNG, Luís Seara, este sábado en Ourense. (Foto: BNG)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este sábado Ourense para -en compañía do portavoz do grupo municipal do Bloque, Luís Seara- advertir da necesidade de que as e os veciños recuperen a cidade apostando pola “sensatez política fronte a crispación”.

Para a líder nacionalista, a culpa de permitir “un goberno letal para a cidade” (a terceira en poboación da Galiza) é do Partido Popular e, en última instancia, do presidente da Xunta e presidente do PP no país, Alberto Núñez Feixoo.

Desde o seu punto de vista, o problema reside en que a “ambición e ansia de poder” dos populares acabou por “condenar Ourense a ir cara atrás”.

“Dende o BNG, non imos permitir que a terceira cidade de Galiza, o motor de toda a provincial permaneza parado e neste  momento, hai que pensar Ourense en grande para darlle unha alternativa á cidadanía”, reflexionou Pontón.

Pontón fixo todas estas reflexións após presentar na localidade os novos órganos do BNG, renovados na XVII asemblea, nos que Ourense ten un papel importante “para a análise política e a consolidación da nova estrutura”.

Así, identificou Seara con estas liñas e garantiu que seguirá á fronte na urbe para dar prioridade ao “diálogo e compromiso” fronte á realidade política actual.

"Ourense non é de ningún partido político: é dos veciños e veciñas", afirmou, sinalando o reto que ten por diante a equipa que encabeza Luís Seara.

Así, estarán apoiando unha liña de traballo que procure alternativas económicas, infraestruturas, cultura, comercio... para que o cambio chegue de aquí a 2023.

Pola súa parte, o portavoz municipal, Luís Seara, tras lembrar que o BNG concluíu o proceso de renovación a nivel local e comarcal incidiu, ao igual que fixera a portavoz nacional, na necesidade de "poñer fin a longa noite de pedra á que Democracia Ourensá converteu Ourense".

Comentarios