Lores alerta da "parálise" de proxectos con fondos da UE polo rexeitamento aos orzamentos

Segundo enumerou o rexedor nacionalista, o goberno local tería que aprobar o estudo de situación da vivenda, tal e como estaba comprometido, ou o contrato para o estudo de estruturas municipais onde destacan as pontes sobre o río Lérez.
Miguel Anxo Fernández Lores, no pleno da pasada segunda feira 9 de xaneiro. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, no pleno da pasada segunda feira 9 de xaneiro. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, repasou esta quinta feira os distintos proxectos municipais relacionados con fondos europeos que se están vendo afectados pola "parálise" derivada do rexeitamento por parte do Pleno da Corporación da cuestión de confianza que expuxo vinculada á aprobación dos orzamentos do ano 2024.

Segundo enumerou o rexedor nacionalista, o goberno local tería que aprobar o estudo de situación da vivenda, tal e como estaba comprometido, ou o contrato para o estudo de estruturas municipais onde destacan as pontes sobre o río Lérez. "Pero non pode ser pois temos que paralizar esta accións", lamentou. Na xunta de goberno decorrida esta quinta feira o Executivo local analizou con especial detalle a situación na cal se atopan os proxectos vinculados aos fondos europeos.

Na rolda de prensa posterior, Lores explicou que os menos afectados son os proxectos que están xa contratados e adxudicados como o da instalación de cámaras para controlar as Zonas de Baixas Emisións e a rehabilitación integral da Rúa Santiña, que "sufrirán unha demora de dous ou tres meses".

Inicio das obras

Para axilizar o máximo posíbel o inicio das obras para cada unha destas intervencións o goberno municipal xerará crédito por 700.000 euros para que se inicien "canto antes, en marzo a poder ser", un trámite administrativo "que faremos xa", manifestou o alcalde.

Os seguintes proxectos afectados en maior medida son os relacionados cos fondos do PIREP (acrónimo do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos), ese financiamento foi concedido para a recuperación do antigo conservatorio e das oficinas municipais de Churruchaos. Ambos contan co proxecto feito pero o Concello non pode abrir a licitación e por tanto adxudicar até que haxa uns novos orzamentos, contando nestes con partidas específicas para tal fin. Neste caso, o alcalde afirmou que "os prazos están moi apertados", xa que as obras deberían iniciarse antes de setembro deste ano.

En canto aos fondos adxudicados para Pontevedra pola Fundación Biodiversidade, cun montante próximo aos catro millóns de euros, cuxo proxecto máis importante é o destape do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo, o rexedor volveu sinalar a falta de orzamento para este 2024 como a chave para o seu atraso. Por iso, dixo que "haberá que buscar outras vías excepcionais de achega municipal para poder contratar a elaboración do proxecto de renaturalización do Gafos". A idea é axilizar "o máximo posíbel" a redacción do proxecto e iniciar o seu proceso de licitación, que debería estar adxudicado antes de setembro do 2024.

Comentarios