O PP de Pontevedra falará co PSOE para "botar da Alcaldía" a Lores

Rafa Domínguez, portavoz do PP na cidade do Lérez, apuntou que "o diálogo entre dous partidos [PP e PSOE] pode levar a un camiño que é o da moción de censura, pero pode levar a outros acordos programáticos para o futuro de Pontevedra".
Portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez (Foto: Nós Diario).
photo_camera Portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez (Foto: Nós Diario).

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou esta cuarta feira que se porá en contacto co portavoz municipal do Partido Socialista, Iván Pontes, para buscar unha "alternativa" para "botar" Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) da Alcaldía da cidade.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Domínguez explicou que, "como gañador das eleccións" sente a "responsabilidade" de "dar un paso á fronte", polo que se porá en contacto co outro partido da oposición, para "explorar as posibilidades de negociar unha alternativa para cambiar o rumbo decadente do Concello de Pontevedra". Rafa Domínguez apuntou que "o diálogo entre dous partidos pode levar a un camiño que é o da moción de censura, pero pode levar a outros acordos programáticos para o futuro de Pontevedra".

"Creo que debemos buscar e explorar as posibilidades para atopar unha alternativa para botar Lores da Alcaldía", recalcou. Así, comprometeuse a "explorar as opcións que existan para cambiar o rumbo da cidade" e que o Concello de Pontevedra. Domínguez considera que a "extrema debilidade" do alcalde acentuouse tras non aprobarse a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos, pola falta de acordo co PSOE.

A pelota, no tellado do PSOE

Para o líder local dos populares, os socialistas optaron por "entorpecer a gobernabilidade" polo que, "ante a posibilidade de chegar a un acordo", o portavoz municipal do PP ofrecerá ao seu homólogo socialista, "pactar o cumprimento dos programas electorais" que ambos defenderon nos pasados comicios municipais. "Movo ficha pensando, exclusivamente, en Pontevedra", dixo Domínguez sinalando que "agora, a pelota está no tellado de Pontes, debe escoller se quere cumprir o seu programa ou quere que Lores continúe de alcalde".

Rafa Domínguez asegurou ser "perfectamente consciente" da "encrucillada na que se meteron o señor Pontes e o Partido Socialista", unha "rúa de difícil saída" porque "non quere executar o seu programa electoral por medo ou represalias do seu partido ou por unha clara falta de autoridade", pero entende que "chegou o momento no que o señor Pontes ten que decidir entre Pontevedra e o seu partido".

Comentarios