Entrevista

Miguel Anxo F. Lores: "Ser a capital mundial do tríatlon puxo Pontevedra e Galiza no mapa"

Desde hoxe e até o próximo domingo a cidade de Pontevedra reafirma a súa condición de templo internacional do tríatlon acollendo a Gran Final das Series Mundiais. O seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (Sanxenxo, 1954), explica para 'Nós Diario' por que quixo vincular o nome da Boa Vila ao do deporte 'tres en un'.
O rexedor manifestou o seu "orgullo" pola resposta da cidadanía.  (Foto: Europa Press).
photo_camera O rexedor manifestou o seu "orgullo" pola resposta da cidadanía. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

—Londres, Budapest, Pequín, Auckland, Chicago, Gold Coast, Lausanne, Edmonton, Abu Dhabi... e Pontevedra. Son as localidades que acolleron até o de agora a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. Que sinte ao ver o nome da súa cidade nesa listaxe?
Orgullo. Pero sendo moi consciente de que todo isto ten que ver co traballo de moitísima xente. Tamén do feito de que teñamos vivindo en Pontevedra un galego que naceu en Suíza porque os seus país estaban na emigración e que viviu en Ferrol un pouco, pero que leva practicamente toda a súa etapa deportiva aquí, Javier Gómez Noya, un multicampión do mundo que nos axudou moitísimo. 

—Ten razóns para estar orgulloso, porque este é o evento máis potente que se organice en todo o ano non só na Galiza, senón no conxunto do Estado...
Si. Calculamos que haberá máis de 3.000 participantes activos de 100 países diferentes e sabemos que se retransmitirá en máis de 140 nacións, o que é algo importantísimo non só para Pontevedra, senón tamén para as Rías Baixas, a Galiza e todo o Estado.

—Coa excepción do Mundial de Fútbol de 1982, estamos falando da proba deportiva de maior magnitude na historia da Galiza?
Desde logo de Pontevedra, si, por volume de participantes e asistentes. Hai que ter en conta que agora mesmo están todos os hoteis completos en Pontevedra, Poio, Sanxenxo, parte do Salnés e mesmo en Vigo. 

—Por que cre que a World Triathlon escolleu Pontevedra?
A designación foi por unanimidade por parte de todas as federacións internacionais, e tivo lugar por varias causas. Porque aquí a xente participa activamente do espectáculo do tríatlon; porque temos ao lado un río onde nadar e zonas perfectas para correr e facer ciclismo; e porque contamos cunha serie de referentes locais que son fundamentais, como Javi Gómez Noya, pero tamén Saleta Castro, Pablo Dapena e tantos outros que pasaron polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e desenvolveron unha parte afectiva e de arraigo con Pontevedra.

A maiores, como cidade temos un sistema ideal, cun modelo urbano que propicia correr polas rúas da cidade e cortar o tráfico, xa que estamos afeitos a recuperar espazos para as persoas. En definitiva, son moitas as cousas que fan que Pontevedra sexa a capital mundial do tríatlon, porque non hai ningún outro lugar do planeta que teña organizado a Gran Final das Series Mundiais, os Campionatos de Europa, os Mundiais de Dúatlon e o World Triathlon Multisport, que volveremos acoller en 2025. 

—O reto organizativo é maiúsculo. Que os animou a embarcarse nun proxecto tan ambicioso?
Isto vai ter unha gran proxección de cara ao futuro. Estamos dando a coñecer o noso país a unha xente que, cando vén a unha proba destas características e coñece o noso clima, a nosa gastronomía, as nosas praias, os nosos espazos naturais, o noso patrimonio histórico-etnográfico e o acollemento que nos caracteriza, sempre repite con independencia de que haxa unha competición deportiva ou non. Por iso desde 2008 estamos organizando eventos internacionais de tríatlon.

—As previsións máis optimistas falan dun retorno económico de 15 millóns de euros.
Temos dúbidas con esa cifra, porque soamente se fixo un estudo en Hamburgo, pero nós faremos un xunto coa World Triathlon para coñecer todo ese retorno económico inmediato, porque despois, no mediático, xa se están vendo impactos publicitarios en todo o mundo. 

Concello, Deputación, Xunta... fixemos un investimento moi importante, loxicamente nós os que máis, pero todos dentro das súas posibilidades. Queremos implicar o sector privado, vender o noso produto, para que se coñeza absolutamente a amplitude do noso destino turístico, porque Pontevedra, e mesmo a Galiza, continúan sendo grandes descoñecidas, e esta proba servirá para poñernos no mapa.

—Máis de 500 persoas exercerán como voluntarias. Agardaba unha resposta cívica de tal calibre?
A verdade é que si. Aquí está participando todo o mundo: a Universidade, a Brilat, a Escola Naval... incluso os presos en terceiro grao da cárcere da Lama, pois isto é un proxecto común que transcende a propia cidade. Por exemplo, a executiva da World Triathlon comezou o pasado domingo o Camiño Portugués a Compostela.

—Non obstante, este tipo de eventos tamén causan unha serie de molestias inevitábeis na vida cotiá. Cal é a recepción que pulsa na veciñanza?
A recepción é boísima, teño que dicilo. Policía e Protección Civil informaron de forma pormenorizada de cales van ser os cortes de tráfico e nas zonas e horas en que se van producir; fixemos buzoneo en todas as casas, asembleas nas zonas de Santa Clara e na parte norte da cidade que dá ao río Lérez, e ademais temos un teléfono operativo para que cando alguén teña a necesidade imperiosa de saír ou entrar do seu garaxe poida facelo escoltado pola Policía. A xente ten vontade de que a cidade dea unha boa imaxe.

Comentarios