18-F

Alfonso Rueda: "Galiza votou polo sentidiño, unha decisión correcta para España"

O presidente da Xunta da Galiza di que estas eleccións mandaron "unha mensaxe a España".
Rueda
photo_camera Alfonso Rueda celebrando o triunfo.

Exultante Alfonso Rueda na súa comparecencia na noite electoral. “Grazas a todos!”, dixo o candidato do PP, que revalidou o cargo de presidente da Xunta da Galiza ao lograr 40 deputados e deputadas, 2 por riba da maioría absoluta. “Hoxe é un día de felicidade, de estar contentos, de celebrar”, manifestou entre os aplausos dos asistentes á sede que o PP escolleu para seguir a xornada electoral, nun hotel compostelán.

“Grazas polo privilexio de ser o presidente da Galiza”, indicou, “vou facer o posíbel para estar á altura”. Rueda, que empregou o galego e o español na súa intervención, reiterou que coa vitoria do PP “gañou Galiza”, en concreto, a “Galiza aberta”.

Rueda, que quixo agradecer especialmente o apoio na campaña de Mariano Raxoi e Alberto Núñez Feixoo, dixo que estes comicios tamén enviaban unha “mensaxe a España”. E cal era a mensaxe? “Aquí non queremos chantaxes, non queremos privilexios, queremos dignidade”, apuntou.

“A Galiza votou polo sentidiño”, sinalou, e votar polo PP “foi unha decisión correcta para Galiza e para España”.

O candidato do PP estaba feliz e notábaselle. Até a noite deste domingo os nervios no Partido Popular, galego e español, foron en aumento durante a campaña ante a posibilidade de sufrir unha derrota nas urnas o 18-F. Non foi tal. “O noso triunfo é claro”, dixo Rueda, con tanto alivio como alegría.

Agradeceu a Ana Pontón e a Gómez Besteiro as chamadas para felicitalo por gañar as eleccións e emprazounos a xogar un papel, “desde a oposición”, á hora de traballar pola Galiza. Porque el, sinalou, vai centrase agora “na Galiza do futuro”.

Coa secretaria xeral e directora de campaña, Paula Prado, ao seu carón, Rueda deu as grazas por uns "excelentes" resultados aos catro presidentes provinciais, pero tivo unha chiscadela especial para o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feixo, de quen 'herdou' en maio de 2022 tanto a Presidencia da Xunta como o liderado do PPdeG.

Comentarios