18-F | Entrevista

Ana Pontón: "Hai un país que di 'basta' e que sabe que a papeleta para conseguir un futuro mellor é a do BNG"

En 2016, as enquisas non lle garantían grupo parlamentario propio ao BNG encabezado por Ana Pontón. O 18-F a Presidencia vaise dirimir entre o BNG e o PP. "É un traballo colectivo", contesta cando lle preguntamos sobre o ascenso meteórico do BNG.
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, durante a entrevista con 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
photo_camera A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, durante a entrevista con 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

Ana Pontón vese presidenta. De feito, recíbenos no hotel compostelán en que presentou o deseño do seu Goberno se a cidadanía lle dá a confianza co seu voto o 18 de febreiro.

—Ao longo da campaña, todas as enquisas marcaron a mesma tendencia: un PP que cae, un BNG moi á alza. Que percibe vostede?
Vexo unha campaña cunha ilusión como nunca e cunhas ganas de cambio desbordantes e estou convencida de que se o domingo todo o voto de cambio se une na papeleta do BNG, imos ser imparábeis e vai haber por vez primeira unha presidenta do BNG. Chéganos por diferentes vías que moitas persoas que nunca colleran a papeleta do BNG, nestas eleccións, van facelo por primeira vez. Eu quero que o fagan ilusionadas e convencidas de que ese voto vai ser para mellorar as súas vidas. Imos pór en marcha un novo proxecto para este país.

Hai que deixar atrás estes 15 anos dun PP que nos deixa unha Galiza máis pequena: menos poboación, menos industria, menos xente nova (emigraron 200.000 mozas e mozos). O único que temos máis é débeda pública mentres estaban recortando en sanidade e educación. E, agora, hai un país que dixo 'basta' e que sabe que a papeleta para conseguir un futuro mellor é a do BNG. Se ningún voto do cambio se perde, se ningún voto do cambio queda na casa, o 18 de febreiro chega a primavera á Galiza.

@nosdiario

🗣En 2016, as enquisas non lle garantían grupo parlamentario propio ao BNG encabezado por Ana Pontón. O 18-F a Presidencia vaise dirimir entre o BNG e o PP. "É un traballo colectivo", contesta cando lle preguntamos sobre o ascenso meteórico do BNG. 📝María Obelleiro 📺Yuri Carrazoni Mier 📲A entrevista completa, en nosdiario.gal

♬ sonido original - Nós Diario

—As persoas expertas en demoscopia, apuntan como chaves a mobilización e a concentración do voto.
A chave está en saber ler o que está pasando neste momento: temos unha oportunidade única para deixar atrás un Goberno esgotado e sen ideas e para apostar por que, por vez primeira, o BNG teña a Presidencia deste país. Ao longo destes 43 anos, tivemos seis presidentes, todos homes, e todos de forzas estatais, e non foron quen de pór Galiza no lugar en que lle corresponde.
É hora de contarmos cunha muller presidenta, e do BNG, cun proxecto con ambición e con confianza no país. Quero ser a presidenta que levante o orgullo deste país.

—As enquisas mostraron que un 20% do electorado non tiña claro o voto e que o decidiría nos últimos días de campaña. Que lle diría a unha persoa que dubida entre votar PP e votar BNG?
Hai que ver se é tanto como din as enquisas, en todo caso hai xente que decide o voto na campaña e as campañas son decisivas. Diríalle, humildemente, que me dea a oportunidade de demostrarlle que podemos facelo mellor. Pode haber xente que, de boa fe, decidiu depositar a súa confianza no PP, mais está claro a Galiza que nos deixa o PP: unha Galiza cunha sanidade deteriorada, cunhas listas de agarda en Primaria e con 11.000 crianzas sen pediatra; que perde emprego na industria, entre os autónomos, no agro, na pesca e con mozas e mozos na emigración mentres temos unha crise demográfica cada vez máis brutal. E o que ofrece o PP é máis do mesmo.

Empezaremos co rescate da Atención Primaria e axudando as familias

—A situación na sanidade é unha das principais preocupacións das persoas, segundo a enquisa preelectoral do CIS. Que medidas propoñen neste campo?
Desta enquisa chamoume a atención que a cuarta preocupación das galegas e galegos sexa o Goberno da Xunta, iso é un retrato: o Goberno do PP converteuse nun problema para Galiza. Se nós queremos rescatar a sanidade pública, temos que cambiar o Goberno, porque o PP ten un obxectivo, que é deteriorar o público para beneficiar o privado. Imos pór en marcha un plan de rescate da Atención Primaria de 200 millóns; imos mudar o modelo para que, ao final da lexislatura, o 25% do orzamento de sanidade se dedique a Primaria e para que haxa máis especialistas nos centros de saúde, por exemplo, Psicoloxía Clínica, pois hai moitísimas persoas que precisan atención á saúde mental e hoxe o único que teñen é unha caixa de antidepresivos.

—Cales serían as súas primeiras medidas como presidenta?
O plan de rescate da Atención Primaria e axudar as familias. No primeiro Consello da Xunta, imos aprobar a gratuidade dos libros de texto e incrementaremos os fondos para o servizo de axuda ao fogar, porque hai que coidar máis as persoas maiores e temos unha débeda con elas.

—Tamén están centrando as súas mensaxes na mocidade.
A mocidade é un dos motores do cambio. Animo as mozas e mozos a que pelexen polo futuro e saiban que na papeleta do BNG están as súas aspiracións. Queremos construír un país no que a xente nova non teña que facer as maletas para marchar, senón para voltar. Tamén me preocupa o acceso á vivenda, porque a inmensa maioría das mozas e mozos non poden emanciparse, e hainos que traballan pero non poden marchar da casa dos pais porque os alugueres están polo aire.

O PP dinamitou as políticas de vivenda nestes 15 anos, mais nós imos pór a política de vivenda onde corresponde, e imos facer unha aposta moi forte por mobilizar vivenda baleira. Temos máis de 500.000 vivendas baleiras no país, sobre todo nas cidades. Entre outras medidas, imos pór en marcha un imposto para os fondos de investimento, a banca e as grandes corporacións que non poñen os pisos no mercado.

—Agora que sabemos que o PP estudou a amnistía tras reunirse con Junts, veremos máis manifestacións contra a amnistía?
O PP é capaz de todo. O PP fixo da mentira a súa forma de facer política e iso hai que desterralo o 18-F. Paréceme dunha hipocrisía sen límites que criminalice unha medida que estivo valorando, pero isto é o que leva facendo o PP neste país nos últimos 15 anos. Temos a mentira e a manipulación instalada nos medios públicos, oficializada e pagada cos recursos de todos, porque o PP secuestrou a TVG para convertela en tele-PP. E acabamos de ver tamén, na crise dos pellets, como a mentira é a súa forma de gobernar: mentiron sobre cando tiveron coñecemento das verteduras e sobre os medios que se mobilizaban. Eu voulles dicir a verdade sempre ás galegas e galegos.

—Hai quen considera Rueda covarde por negarse a acudir aos debates electorais.
É unha covardía. Que hai máis importante para un candidato que debater nos medios públicos e poder contrastar xestión e proxecto? Nós organizamos a nosa campaña en función dos debates que puxeron os medios públicos e privados. Aceptamos o da CRTVG, pese a estar feito a medida do PP, e aceptamos o da RTVE, mais Rueda escóndese e ningún candidato que se esconde está preparado para ser presidente. A quen lle dá plantón Rueda é á cidadanía, que ten dereito a que os candidatos debatan. Estou segura de que isto vai penalizar a Rueda, como penalizou a Feixoo. Resúltame rechamante que o PP queira ocultar nesta campaña o seu candidato.

Comentarios