18-F

Radiografía do decisivo voto CERA: máis de 300.000 votantes nunca residiron na Galiza

O proceso de votación para as persoas inscritas no CERA está en marcha desde o pasado 10 de febreiro e o remate prevese para o vindeiro día 15. Nun contexto de previsíbel aumento de participación pola supresión do voto rogado, todas as olladas están postas no sufraxio do exterior

Porcentaxe das persoas residentes ausentes sobre o censo electoral total superposto sobre unha imaxe da embaixada española en Bos Aires, principal centro de votación no exterior.
photo_camera A embaixada española en Bos Aires, principal centro de votación no exterior para os comicios galegos de 18 de febreiro. (Foto: Nós Diario)

Un total de 2.693.624 persoas están chamadas a votar nas eleccións galegas do 18 de febreiro de 2024. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), 2.217.110 delas están incluídas no denominado Censo Electoral de Españoles Residentes en España (CER), que incorpora 923.544 electoras e electores na Coruña, 268.076 en Lugo, 251.968 en Ourense e 773.522 en Pontevedra.

O corpo electoral complétase co continxente achegado polo coñecido como Censo Electoral de Españois Residentes no Estranxeiro (CERA), dependente do Instituto Nacional de Estatística (INE), onde están inscritas aquelas persoas de nacionalidade española pero residentes fóra do Estado. A lexislación estatal outórgalle o dereito a voto a este colectivo en todos procesos electorais, excepto nos locais.

O número de votantes do CERA na Galiza é de 476.514 persoas, sendo un número maior que o censo total da circunscrición de Lugo, integrado por 337.734 persoas entre os dous censos, e da de Ourense, formado por 355.800 cidadáns con dereito a sufraxio na Galiza.Só Arxentina, onde a emigración galega rematou nos anos finais da década dos 40 do século XX, conta con 166.289 residentes con dereito a sufraxio na Galiza, superando esta cifra a poboación de cidades como Ourense, Lugo, Compostela, Pontevedra ou Ferrol.

As persoas inscritas no CERA con dereito ao voto na Galiza representan o 17,6% do conxunto do corpo electoral galego. Na circunscrición da Coruña suman 164.842 persoas e representan o 15,1% do censo; na circunscrición de Lugo suman 69.658 persoas e representan o 20,6% do censo; na circunscrición de Ourense son 103.832 persoas e representan o 29,1% do censo e na circunscrición de Pontevedra suman 138.182 persoas e representan o 15,1% do censo.

O electorado CERA non deixou de medrar nos últimos 30 anos. Se á volta de 1993 representaba o 4,6% do corpo electoral, en 2008 ascendía ao 12,4% e alcanzaba en 2020, ano dos anteriores comicios galegos, o 17,1%, seis décimas menos que na actualidade. Porén, de cara á convocatoria electoral do 18 de febreiro, mantén para o conxunto da Galiza a mesma porcentaxe que nos comicios estatais de xullo de 2023, rexistrando en relación a esa data un incremento de dúas décimas na circunscrición de Lugo e de 1,3 puntos na circunscrición de Ourense.

Un censo que non deixa de medrar

O peso do Censo Electoral de Españois Residentes no Estranxeiro (CERA) é moi superior na Galiza á do resto dos territorios do Estado, colocándose por detrás Asturias, co 12,7%, e Castela e León, co 8,1%, sendo, por conseguinte, onde máis influencia ten no resultado electoral final. O elevado número de persoas inscritas neste censo está ligado ás altas taxas de emigración galega, moi particularmente nas primeiras décadas do século XX e ás políticas do Goberno galego de favorecer a súa incorporación ao corpo electoral.

Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai suman máis da metade das persoas electoras do CERA. Nestes catro Estados, atópanse 294.517 persoas con dereito a voto nas circunscricións galegas para as eleccións do 18 de febreiro, exactamente 5.311 máis que nos comicios estatais do 23 de xullo de 2023. Neste sentido, Arxentina rexistra 166.289 electoras e electores; Cuba 45.672; Brasil 45.391 e Uruguai 37.165, o que supón o 61,8% do censo de persoas residentes ausentes.

O groso das integrantes do CERA residen no continente americano, onde se concentran 375.371 persoas con dereito a voto na Galiza, isto é o 78,7% do total dese censo. Precisamente, correspóndese esta área co continente de menor vinculación coa Galiza por motivos xeracionais, até o punto de que a emigración a Cuba rematou hai, practicamente, 100 anos, coincidindo coa coñecida como Gran Depresión, ou 'crack', de 1929. Unha situación análoga dáse para Arxentina, Brasil ou Uruguai, malia que a eses países chegaron as últimas remesas de exiliadas e exiliados económicos após a II Guerra Mundial.

A situación en Europa

O resto das persoas incorporadas ao CERA divídense entre o continente africano, con 669; o asiático, con 1.104; Oceanía, con 1.901, e Europa, con 97.469. Neste último continente, o número máis elevado de electoras e electores atópase en Suíza, con 34.114. Atópase, a continuación, Francia, con 17.437; Alemaña, con 15.378 e o Reino Unido, con 13.633. A maior parte das persoas que forman parte do censo de residentes ausentes con dereito a voto nos comicios do 18 de febreiro naceron fóra da Galiza e nunca residiron no país, até sumar perto de 301.705 electoras e electores, arredor do 69% deste censo.

A situación nas diferentes circunscricións é semellante. Así, no caso da Coruña, a poboación residente na Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai ascende a 98.744 persoas, e significa o 59,9% do CERA; no caso de Lugo, a poboación residente na Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai ascende a 52.004 persoas e representa o 74,6% do CERA; no caso de Ourense, a poboación da Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai ascende a 57.036 persoas e supón o 54,9% do CERA e, por último, no caso de Pontevedra, a poboación que vive na Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai ascende a 86.723 persoas e suma o 62,7% do CERA.

A supresión do voto rogado avanza unha suba da participación no CERA

A totalidade das forzas políticas galegas teñen un ollo posto no proceso de votación que xa comezou nos diversos consulados do Estado. Neste sentido, todas elas coinciden no seu papel decisivo nos resultados finais dos comicios do 18 de febreiro, dado o elevado peso do CERA no corpo electoral galego e o axustado reparto de escanos nas circunscricións, tal e como apuntaron as sondaxes publicadas na segunda feira. Sen ir máis lonxe, o barómetro de EM-Analytics para Nós Diario situaba o BNG a catro décimas de arrebatar un escano ao PP na Coruña e a cinco décimas de deixalo sen outro en Pontevedra.

A supresión do voto rogado para as persoas integradas no Censo Electoral de Españois Residentes no Estranxeiro avanza un importante incremento da participación en relación ás eleccións galegas de xullo de 2020. Naquela altura, exerceron o seu dereito a voto 5.404 persoas, o 1,2% do total do CERA, o que representa 100.448 sufraxios menos e 33,5 puntos por baixo do ano 2005, cando a participación alcanzou os rexistros máximos de toda a serie histórica.

As eleccións de xullo de 2023 foron as primeiras realizadas desde a supresión do voto rogado en 2011. A participación situouse na Galiza en 29.818 sufraxios, o que representou 6,3%, coa circunscrición de Pontevedra en cabeza, cunha porcentaxe de 7,1%, e Lugo de fechacancelas co 5,4%. O Partido Popular foi a forza máis votada, con 13.245 votos (45,2%); seguida do PSOE, con 7.281 (25,1%); de Sumar, con 2.869 (9,9%); de Vox, con 2.679 (9,2%), e do BNG con 1.647 (5,6%).

Comentarios