mércores 20/01/21
Política

As letradas avalan que as deputadas poidan controlar xa con preguntas á Xunta a pesar de estar a Cámara disolta

Apoian que se tramiten iniciativas de impulso e interpelacións ao Goberno galego se así o pactan os partidos representados no Parlamento. 

Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).
Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).

O informe xurídico que asinaron os letrados do Parlamento da Galiza, ao que tivo acceso Europa Press, permite que a Deputación Permanente (o órgano que se quedou de garda tras a disolución da Cámara o pasado 11 de febreiro) poida 'controlar' xa aos membros da Xunta e, ademais, avala que se tramiten iniciativas de impulso (como son as proposicións non de lei e as mocións), pero para iso é preciso que previamente os grupos alcancen un "acordo político".

En síntese, as funcións da Deputación Permanente están limitadas a comparecencias a petición propia dos membros do Goberno ou ben a peticións dos grupos para que vaia á Cámara (xunto con algunha outra función), pero a disolución do Parlamento pola convocatoria de eleccións que non ten nova data após o seu adiamento, baleirou a capacidade do Lexislativo para controlar de forma directa ao Goberno e para tramitar iniciativas de forma ordinaria.

No entanto, dadas as circunstancias, nas que se aprazou de forma inédita a convocatoria de eleccións para o 5 de abril pola crise da COVID-19, os letrados fan unha relectura do regulamento, a petición de todos os grupos da Cámara. Así, os xurídicos conclúen que hai un grupo de iniciativas que, de seu, teñen encaixe na Deputación Permanente para que leven a cabo de forma ordinaria.

Desta maneira, a pesar de que a cámara está disolta, os letrados sosteñen que se poderían realizar solicitudes de información a través do artigo 9 (os parlamentarios teñen a potestade para pedir por este artigo do regulamento da Cámara información á Xunta que debe ser contestada obrigatoriamente), preguntas ao goberno, comparecencias de membros da Xunta, declaracións institucionais e os procedementos lexislativos previstos nos puntos 5 e 6 do regulamento do artigo 55 do regulamento (relativos a cuestións orzamentarias), xunto coa admisión a trámite de iniciativas lexislativas populares.

Suxeito ao "consenso político"

O informe inclúe outro grupo de iniciativas que, no entanto, deben pasar por un "consenso das forzas políticas", o cal parece estar garantido nos grupos da oposición. Encaixarían na expresión "velar polos poderes da Cámara", no marco das normativas constitucional e estatutaria.

Desta maneira, poderíase levar a cabo o "efectivo control e impulso" da actividade do Goberno até que se constitúa o novo hemiciclo, "garantindo o equilibro constitucional e estatutario dos poderes". Por tanto, poderíanse realizar interpelacións, proposicións non de lei, mocións e comunicacións do Goberno.

BNG pide recuperar a "normalidade"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valora de maneira positiva este informe pois considera que lle dá a razón á súa formación após semanas reclamando que a Cámara recupere a "normalidade". "Pedímoslle ao PP que deixe de amordazar o Parlamento, que permita que este funcione con normalidade porque é o mínimo que se pode exixir nun sistema democrático", sostivo. 

Ademais, o BNG proporá ao resto dos grupos unha reunión "para reclamar a posta en marcha da actividade parlamentar e facer achegas ante a crise sanitaria, social e económica da COVID-19".

PSdeG aposta por "activar" a Cámara

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebra que o informe dos letrados do Parlamento estabelece "con meridiana claridade que, ademais das funcións propias da Deputación Permanente nos termos para os que foi concibida, no contexto extraordinario no que estamos é posíbel activar este órgano para acadar o efectivo control e impulso da actividade do Goberno que é preceptivo".

"É moi necesario que os grupos poidan presentar iniciativas de acordo á súa representatividade, para así acadar a mellor resposta posíbel diante da crise sanitaria e social na que vivimos", apuntou Caballero, partidario de buscar fórmulas que, a través do aumento das funcións da Deputación Permanente, posibiliten "o equilibrio de poder consubstancial a calquera réxime democrático parlamentar".

"Canto antes" para Común da Esquerda

O Grupo Común da Esquerda cre que a Deputación Permanente "tería que estar xa funcionando para exercer o labor de control ao Goberno" pois ese foi un dos puntos consensuados entre as forzas políticas para suspender as eleccións autonómicas, polo que subliñan que "canto antes" bote a andar e se fixe unha periodicidade para a súa convocatoria, "mellor".

Pola súa banda, as deputadas de En Marea no Grupo Mixto lamentan "o veto que o PP terá sobre as funcións de control e impulso da acción da Xunta sobre o coronavirus". O partido cre que "restrinxir" estas funcións "á unanimidade" dos grupos "deixará na práctica en papel mollado" estas accións porque "as reducirá ao que de forma partidista e interesada beneficie ao PP".

Almuiña e Pomar, na Deputación Permanente

Asemade, esta sexta feira coñeceuse que os conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e Educación, Carmen Pomar, comparecerán diante da Deputación Permanente para dar conta da situación nas súas respectivas áreas do Goberno pola crise do coronavirus.

Ambos solicitaron acudir á Cámara a petición propia, mais toda a oposición leva semanas reclamando a súa rendición de contas pola gravidade da situación en ambos sectores. 

comentarios