martes 29/09/20
Política

A oposición solicita que Feixoo explique a situación das residencias de maiores no Parlamento

PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Mixto (En Marea) rexistran na Cámara galega unha petición para que o presidente galego acuda á Deputación Permanente. 
Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).
Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).

Todos os grupos parlamentares da oposición na Galiza rexistraron esta segunda feira na Cámara unha petición conxunta para que compareza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "para explicar a situación real das residencias de maiores afectadas pola COVID-19".

PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto (onde se integran as deputadas de En Marea) demandan coñecer cal é o estado "real" no que se atopan estes centros para a terceira idade nos que xa hai máis de 650 casos positivos de coronavirus entre as usuarias e de 200 entre as traballadoras

Os grupos solicitan á Mesa do Parlamento que se proceda á "convocatoria urxente" dunha reunión da Deputación Permanente para que o presidente galego expoña a situación en sede parlamentar. 

As residencias de maiores son unha das prioridades da oposición nestes días, como se demostra polas súas últimas intervencións públicas. Todos os grupos estiveron dacordo na necesidade de intervir os centros privados e xa apostan por mudar o modelo de privatización actual cando pase a crise sanitaria actual. 

comentarios