Política

O Parlamento galego estuda "medidas de seguridade" para a comparecencia de Feixoo

A Cámara galega acollerá esta semana un pleno da Deputación Permanente no que se adoptarán "precaucións" seguindo as medidas sanitarias marcadas polas autoridades. 
EuropaPress_2695527_reunion_diputacion_permanente_parlamento_galicia
photo_camera Unha reunión da Deputación Permanente (Europa Press).

O Parlamento da Galiza planea medidas de seguridade para a comparecencia, previsibelmente a finais desta semana (xoves ou venres), do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, diante da crise sanitaria polo coronavirus.

Precisamente, esta segunda feira, o Boletín Oficial do Parlamento publicou a petición da Dirección Xeral de  Relacións Institucionais e Parlamentarias na que solicita a comparecencia do presidente galego para informar "sobre a evolución da pandemia da COVID-19 e as medidas adoptadas respecto diso" por parte da Xunta.

Fontes da Cámara galega confirmaron a Europa Press que se están preparando "medidas de seguridade" para adoptar todas as "precaucións" e a "separación" necesaria entre as persoas que participen de forma presencial, como de momento está previsto, no pleno da Deputación Permanente no que comparecerá Feixoo.

Unha das opcións, aínda que non está pechada, é facer uso do hemiciclo para manterse o máis afastados posíbel. Tamén se estuda a posibilidade de que a gran maioría das deputadas deleguen o seu voto, aínda que a respecto diso fontes parlamentares indicaron a Europa Press que non están acordadas as opcións.

En todo caso, si estará dispoñíbel, como é habitual xa pero agora de forma reforzada, a sesión retransmitida pola páxina web do propio Parlamento.

Situación anormal na Cámara galega

A situación actual da Cámara é anormal, posto que o pasado 11 de febreiro disolveuse para convocar eleccións o 5 de abril e empezou a funcionar a Deputación Permanente, o órgano que substitúe ao pleno en períodos non hábiles ou que permanece de garda en períodos non lexislativos.

Por acordo das principais forzas políticas que presentaron candidatura ao 5-A, e tras ser validado pola Xunta Electoral, o presidente da Xunta ordenou un novo decreto polo que quedaron anulados os comicios, pola imposibilidade de desenvolver unha campaña electoral en condicións de seguridade xurídica e igualdade, á vez que para evitar poñer en risco sanitario á cidadanía o propio día dos comicios.

Pero o que non se pode reverter é a disolución do Parlamento, polo que a Cámara galega quedouse con 42 deputadas, entre as 21 titulares e as suplentes que conforman a Deputación Permanente.

Mensaxe de "unidade"

A preguntas dos xornalistas esta segunda feira, a portavoz nacional e parlamentar do BNG, Ana Pontón, confirmou que falou co presidente da Cámara, Miguel Santalices, e contrastou a "disposición" de todos para que se celebre o pleno da Deputación esta semana. Ademais, considerou que será unha boa ocasión para lanzar unha mensaxe das forzas políticas "unidas", aínda que cada unha poña as súas "medidas" encima da mesa para contrastar.

As nacionalistas compartiron que "se deben extremar as medidas de seguridade" e de "contención", tanto no número de persoas que teñen que estar nese pleno, como as traballadoras que desde o punto de vista técnico e organizativo teñen que participar para o desenvolvemento da sesión.

A respecto diso, o portavoz do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, manifestou que "é necesario que funcione" a Deputación Permanente, non só a nivel de comparecencias, senón tamén con debates para poder chegar a acordos.

Comentarios