VÍDEO

Así foi o tenso enfrontamento entre Ana Vázquez e Pardo de Vera a conta dos contratos de Eulen

A xornalista de 'Público' sacou a debate no programa 'Todo es mentira' as adxudicacións da Xunta ao grupo da irmá de Feixoo e a deputada do PP replicou atacando a irmá de Pardo, a ex presidenta de Adif. "Iso é xogo sucio", reprochoulle.
Ana Pardo de Vera e Ana Vázquez, esta cuarta feira, en 'Todo es mentira'. (Foto: Cuatro)
photo_camera Ana Pardo de Vera e Ana Vázquez, esta cuarta feira, en 'Todo es mentira'. (Foto: Cuatro)

Tenso enfrontamento o protagonizado esta cuarta feira en directo pola deputada do PP Ana Vázquez e a directora corporativa do xornal Público, Ana Pardo de Vera. Sucedeu na emisión en directo do programa 'Todo es mentira', de Cuatro, dirixido por Risto Mejide. A xornalista fixo alusión aos 114.000 euros que, segundo desvelou infoLibre, deu en axudas a Xunta de Alberto Núñez Feixoo a Sargadelos cando traballaba alí a súa muller, Eva Cárdenas, así como aos contratos adxudicados ao Grupo Eulen, do que é directiva a irmá do ex presidente galego, Micaela Núñez.

Foi nese mesmo momento cando, en plena intervención, a parlamentaria natural de Bande interrumpiu para aludir á irmá de Pardo de Vera, Isabel, ex presidenta de Adif. "Ana, que ti te poñas a falar agora dos irmáns, que acaba de ir declarar a túa irmá...", dixo Ana Vázquez, facendo referencia a que acudiu aos xulgados... mais en calidade de testemuña, e non como imputada, no marco do 'caso Koldo'.

E precisamente isto foi o que tentou aclarar a xornalista acto seguido: "Iso é xogo sucio, e sábelo. A miña irmá foi declarar como testemuña porque era presidenta de Adif". E ante a insistencia e constantes interrupcións da deputada, replicoulle: "Non te atrevas, Ana, a mencionar á miña irmá e tratar de mesturala nestes temas".

Mais Vázquez proseguiu: "Que estás a dicir da empresa da familia de Feixoo? Que estás a dicir da irmá? Que é moi frutífera, como a de Ayuso? Entón agora queres que diga que fixo a túa irmá, que foi declarar polo das máscaras e ela mesma recoñeceu que non as comprou? Home, por favor, sexamos sensatos".

Unhas acusacións que Pardo de Vera considerou "moi graves" e que, con todo, non detivo Risto Mejide no papel que se lle presupón como condutor e moderador dos debates. "Non te atrevas a dicir que a miña irmá fixo algo ilegal. Non te atrevas, encima de como a trataron...".

E após chamárense mutuamente "indecente", a xornalista concluíu: "Chámaa corrupta [á irmá], venga, chámaa. Que che poño unha denuncia en cero coma". "Vós tapades a corrupción, reprochou de volta Vázquez. Finalmente, porén, a deputada do PP acabou pedindo desculpas.

Comentarios